Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Este sábado desenvolvéronse catro competicións // Sumáronse outras propostas, como bautismos hípicos, un espectáculo ecuestre e unha conferencia // A cita ten lugar no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda TEXTO C. Estévez

Segue Equina con doma clásica e un concurso morfofuncional

O evento Equina Galicia 2022, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (Accega) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, continuaba este sábado no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, e facíao cunha xornada repleta de actividades.

Así, desenvolvéronse tres competicións de doma clásica nas que participaron preto de 70 binomios procedentes da maioría de clubs hípicos de Galicia e tamén doutras comunidades. Destacou o IV Trofeo de Doma Clásica Xunta de Galicia-Medio Rural, que conta con récord de inscritos ao alcanzar os 50 participantes de distintos puntos de España.

Esta proba, na que poden participar todas as razas de cabalos de deporte europeos e inclúe dende categoría infantil ata olímpica, conta co apoio da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e ten como obxectivo fomentar a creación de pequenas explotacións de cría de cabalos selectos para o deporte que xeren actividade no medio rural e supoñan un complemento económico.

Súmanse ademais o Territorial, clasificatorio para o Campionato Galego de Doma, e a XXIV Copa Accega, que resulta de gran interese para os criadores que queren ver e probar en alta competición os seus exemplares máis novos para a súa selección futura como cabalos de Pura Raza Española deportivos.

En canto ao VIII Campionato de España de Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, concurso que é o eixo central do evento e valora tanto a morfoloxía dos exemplares como os seus movementos, este sábado celebraba a quenda da categoría de eguas de 4 anos en morfoloxía e tamén as probas de funcionalidade tanto das eguas de 5 e 6 anos como dos sementais de 5, 6 e 7 anos ou máis. Pola tarde competiron as poldras de 3 anos e as eguas de 5 e 6 anos en morfoloxía. Xa este domingo sairán á pista as eguas de 7 ou máis anos e as cobras de tres eguas, ademais de entregarse os premios do mencionado certame.

Nesta cita, que conseguiu para esta edición a categoría tres estrelas, a máxima a nivel nacional que outorga a Real Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (Ancce), participan durante os tres días corenta e cinco destacadas ganderías nacionais procedentes de doce comunidades autónomas e máis de oitenta exemplares de Pura Raza Española.

A estas catro competicións sumáronse este sábado outras propostas de gran interese. Co obxectivo de fomentar a cultura e formación gandeira tanto para veteranos como para emprendedores, este sábado levouse a cabo unha conferencia dirixida aos gandeiros sobre novidades do programa de cría do PRE e as vantaxes da xenómica, impartida por Ana Encina Martínez, do departamento de Programa de Mellora Xenética do PRE da Real Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (Ancce).

Así mesmo, os máis novos contaron durante a mañá con bautismo hípico, o que lles permitiu vivir a súa primeira experiencia a cabalo ou poni grazas á colaboración de distintos clubs hípicos de Galicia, mentres que ás 20.00 horas os asistentes desfrutaron dun carrusel ecuestre a cargo de Hípica Amazonas, no que doce binomios realizaron coreografías de doma e danza a cabalo.

O evento non rematou, senón que continúa este domingo, e faino co Trofeo Equina de Enganches, organizado polo Club de Enganches de Galicia e Accega co obxectivo de que esta disciplina siga medrando.

Trofeo de enganches este domingo

··· Equina inaugurábase o pasado venres, día 29, nun acto no que participou o xefe territorial da Consellería do Medio Rural na provincia de Pontevedra, Antonio Crespo, quen destacou o carácter referente do certame, o cal conta coa presenza de ganderías de doce comunidades e categoría tres estrelas. Crespo estivo acompañado polo presidente da Real Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (Ancce), José Juan Morales. Tamén participou o presidente de Accega, Manuel Benavides.

··· O certame continúa e remata este domingo, e faino cunha das citas máis famosas do evento: o Trofeo Equina de Enganches. Será un Open no que haberá unha decena de participantes, tanto federados como non federados, procedentes de distintos puntos das provincias da Coruña e Pontevedra. Ditos participantes competirán nas categorías de Limonera, consistente en carruaxes de catro rodas cun cabalo, e Troncos, tamén de coches de catro rodas, pero neste caso con dous cabalos.

31 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.