Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Ocio. Seis novas rutas guiadas por Vía Inqueda permitirán aos camiñantes coñecer o patrimonio ecolóxico, cultural e paisaxístico // Pasearán por aldeas e corredoiras antigas // Comezarán o domingo, día 12, pola costa de Camariñas TEXTO José M. Ramos

Sendeirismo polos camiños da Costa da Morte para aprender

Patrimonio cultural, ecolóxico e paisaxístico conflúen nos Camiños da Costa da Morte que percorrerán, a partir do domingo, día 12 de febreiro, quenes se animen a seguir os pasos dos guías de Vía Inqueda ao longo de seis novos roteiros de sendeirismo deseñados para coñecer e aprender buscando aldeas, corredoiras antigas e lugares de interese, procurando escapar do asfalto e da zahorra.

Serán rutas guiadas e adaptadas a todas as idades, que teñen como obxectivo a visita e coñecemento dos lugares máis interesantes a nivel patrimonial destas comarcas, “percorrendo os itinerarios dun xeito paseniño e informativo”, afirma José Manuel Menéndez, promotor de Vía Inqueda.

Quenes se animen poden preparar xa as botas, pois o vindeiro domingo comezarán a camiñar pola costa de Camariñas. Sairán de Brañas Verdes ás 9.30 horas e, ao longo do percorrido, poderán gozar dos espazos naturais da enseada do Trece, berce da caramiña e dun dos sistemas dunares mellor conservados. Farán unha parada no Cemiterio dos Ingleses, no que repousan os corpos dos náufragos do HMS Serpent, un buque escola da Armada inglesa que afundiu no ano 1890 na Punta do Boi e 172 dos seus 175 tripulantes perderon a vida. Trátase dun percorrido de dificutade baixa.

O ciclo continuará o día 19, cunha ruta polo Bosque da Ribeira da Pena, situado no salto entre a meseta de Ordes e a chaira fértil de Bergantiños e preto de vestixios megalíticos. Un roteiro de dificultade moi baixa por terras de Cerceda e Carballo. Ao domingo seguinte, día 26, achegaranse ás aldeas esquecidas do Tambre, no Val do Dubra. Adentraranse nas parroquias de Portomouro e Portomeiro, terras de lendas, sepulcros e suevos

En marzo, o día 5, voltarán ás terras de Bergantiños para achegarse ao Monte do Castelo, onde os caprichos xeolóxicos afondan para descubrir xoias vexetais como a Centaurea Ultreia. O día 12 deixaranse guiar polos ríos Bardoso e Carral, ao seu paso pola parroquia de Sofán (Carballo). Dúas arterias fluviais cheas de vida e patrimonio. E rematarán este novo programa de sendeirismo o día 19 de marzo ao pé das fontes do Anllóns, na parroquia de Soandres (A Laracha), unha das máis grandes da bisbarra, que esconde con agarismo os regatos que ven nacer ao río Bergantiños a través dunha paisaxe espectacular, a carón de mosteiros, castros e pazos señoriais.

Os roteiros oscilan entre os 11,6 quilómetros do primeiro e os 19 da última senda, e todos eles presentan un grao de dificultade entre medio e baixo.

INSCRICIÓN. As persoas interesadas en participar deben inscribirse chamando ao 696 155232 ou enviando un correo a info@viainqueda.com. O custe é de 15 euros, agás para os menores de 14 anos e socios do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, o Instituto de Estudos Bergantiñáns, Protección Civil de Carballo e a Asociación Senda Nova, que aboarán unha tarifa reducidad de 12 euros. Tamén se oferta unha opción familiar por 30 euros (tres membros: pais, nais e fillos).

As tarifas inclúen os servizos de guía ademais de seguros de responsabilidade civil e accidentes. Dende a páxina web info@viainqueda.com pódese acceder ás fichas de inscripción, que se pode formalizar ata un día antes de cada andaina.

Recomendan a todos os participantes que leven unha mochila con auga, comida, roupa impermeable, gorro, prendas de abrigo e un calzado axeitado para o sendeirismo para un desfrute pleno das rutas.

10 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.