Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

SOS para que a Xunta axude ca obsoleta depuradora orosá

Os socialistas din que as súas deficiencias vulneran a normativa // Dende o PP lembran que esta é unha competencia municipal

Noa Díaz, deputada socialista, acusou ao Partido Popular de seguir discriminando ao Concello de Oroso na “imprescindible e urxente” actuación da mellora da EDAR de Sigüeiro. Fíxoo despois de que os populares votasen en contra dunha proposición non de lei do PSdeG para reclamarlle á Xunta que colabore orzamentariamente para subsanar as “graves deficiencias” que presenta dende hai anos esta infraestrutura e que fan que “xa chegase ao seu límite”.

Deste xeito, e fronte ao argumento esgrimido pola Xunta de que as competencias exclusivas en materia de abastecemento e saneamento de augas son municipais, a parlamentaria compostelá evidenciou que existe unha porta aberta á colaboración entre as administracións. De feito, incidiu en que o goberno galego prestou a súa axuda en cuestións semellantes a outros municipios. “Por que con Oroso non e con outros si?”, preguntou antes de concretar que en 2021 o 65 % dos convenios asinados por Augas de Galicia foi con concellos gobernados polo PP fronte ao 28 % dos que están gobernados polo PSOE.

“Non queremos pensar”, ironizou, “que só se colabore cos municipios que están gobernados polo PP”. Por iso, Díaz demandou que, ao igual que nestes casos, Oroso poida ser tamén beneficiario do apoio técnico e financeiro da Xunta. “Non atopamos razóns”, dixo, “para que os grupos non apoien esta reclamación, e máis tendo en conta que o investimento que se precisa é realmente pequeno para as contas” autonómicas.

Porén, advertiu de que os municipios, que xa asumen bastantes competencias impropias, contan con recursos escasos e non poden facerse cargo do total do custo da mellora. No caso de Oroso, un informe de 2020 cuantifica as actuacións en máis de 253.000 euros.

Ademais, malia que o Concello de Oroso abona anualmente 90.000 euros polo canon de saneamento da auga, sinalou Díaz, a Xunta nos últimos trece anos “non reverteu esta achega económica en ningunha obra de mellora, cuestión que non acontece da mesma forma noutros concellos”, onde o Executivo autonómico sufragou actuacións de mellora, o que dá lugar a un “agravio comparativo” entre os diferentes municipios.

Na súa intervención, a socialista lembrou que as “deficiencias” da depuradora de Sigüeiro fan que os rendementos de depuración estean “por debaixo das garantías de deseño” da instalación, “o que pode dar lugar a incumprimentos da directiva europea, alivios da auga bruta por avarías nas bombas de cabeceira ou cheiros co conseguinte impacto negativo sobre o medio e a contorna”, indicaba.

Alertou ademais do negativo impacto directo que o seu estado ten no río Tambre, que desemboca na ría de Muros e Noia e “á que o único que lle falta é sumar máis contaminación”. Explicou que o Concello vai mercar un detector para posibles verquidos, “cun custe nada menor” de 16.000 €. “O que non pode”, subliñou, “é soportar ese custe da obra de ampliación”.

Dende que a depuradora entrou en funcionamento en 1998, e malia que dende o seu inicio constataron que estaba excedida, ata 2009 non se actuou nela. E sen moito éxito.

10 jun 2022 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.