Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Subvencións a dez entidades sociais sen ánimo de lucro

O Concello repartirá un total de 60.000 euros para que poñan en marcha os seus proxectos

Arcea Adames, a Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, Cáritas Diocesana de Ortoño e Cáritas Diocesana do Milladoiro, Igaxes 3, AGASOL, Fundación Pictoaplicaciones, ACOUGO, ALCER e a Asociación Amigos do Camiño Portugués son as dez entidades beneficiarias das subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que o Concello de Ames vai conceder neste exercicio 2022. Trátase dunha entidade máis que no ano 2021, e tamén de tres proxectos promovidos máis, uns dezasete, que inclúen propostas formativas, axudas ao alugueiro ou a cobertura doutras necesidades básicas.

O importe total da liña de subvencións era de 60.000 euros, ao igual que en 2021, da cal se consumiu a práctica totalidade dos fondos, xa que se repartirán 59.999,27 euros. Agora, para percibir a cantidade íntegra da axuda, as entidades deberán xustificar un gasto polo importe total do proxecto presentado. No caso de que as actuacións se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2022, as asociacións deberán xustificar o seu gasto antes do 31 de xullo. Por outra banda, se os proxectos van ser realizados e aboados entre o 1 de xullo e o 30 de novembro de 2022, deberán realizar a xustificación antes do día 10 de decembro.

A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, quixo salientar “o aumento progresivo das entidades que se presentan e a gran calidade dos seus proxectos”, recordando que estas dez asociacións “non son nin de lonxe todas coas que habitualmente traballamos dende a área de Benestar Social”. Ademais, a concelleira aproveitou para agradecer o labor destas entidades, “coas que podemos chegar a máis persoas”.

A concesión das axudas repartiuse entre dez entidades e dezasete proxectos. Deste xeito, a Arcea Adames correspóndenlle 9.654,39 euros, para os proxectos de Autonomía persoal e Educación emocional e intervención en comunicación en linguaxe, centrados na formación e na capacitación persoal das persoas con discapacidade intelectual. Pola súa banda, á Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela (APSSC) concedéronselle 3.396,92 euros, dedicados a cubrir gastos de persoal de interpretación de linguaxe de signos.

Á Delegación de Cáritas Diocesana Santiago Parroquial de Ortoño correspóndenlle 8.581,69 euros, que dirixirá a axudas económicas para alugueres e outras necesidades básicas.

Pola súa parte, Cáritas Diocesana Santiago Parroquial de Milladoiro presentou tres programas, AcompañamosT, ARETÉ e Fogares con futuro, pensados para cubrir necesidades básicas, gastos correntes non amortizables e o mantemento da vivenda, para os que se lles concederon un total de 13.677,06 euros.

Uns 7.330,18 euros correspóndenlle á ONG Igaxes 3, para os seus proxectos Competencias familiares e Escola de vida, centrados en garantir o futuro da infancia e da mocidade. A asociación AGASOL, que promove o software libre, poderá recibir 4.827,20 euros para a súa recentemente aberta Oficina de voluntariado informático, co seu Banco de reciclaxe electrónico, situados no antigo centro de saúde do Milladoiro.

Ademais, a Fundación Pictoaplicaciones, que traballa na accesibilidade e na inclusión das persoas con trastornos de comunicación, poderá contar con 3.933,27 euros para o seu plan A Pandilla Pictoaplicacións traballa.

Por outra banda, á asociación ACOUGO concedéronselle 3.827,20 euros para un curso de formación e o proxecto Familias Plus, centrados no acollemento familiar. A entidade ALCER poderá recibir 1.642,62 euros, para información e orientación e para o plan ALCER – 7 vidas, unha campaña de sensibilización e promoción da doazón e transplante de ril.

Por último, á Asociación Amigos do Camiño Portugués correspóndenlle 3.128,74 euros, para a súa proposta A túa pegada.

Todas elas porán en marcha plans que serven de complemento aos servizos sociais municipais, e que favorecen a inclusión social, a saúde pública ou a formación laboral, entre outros ámbitos.

16 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.