Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Suma de forzas para que a Costa da Morte sexa un destino turístico referente

Concellos, Deputación, Xunta e o sector privado reforzarán a colaboración // Avaliaron en Muxía a potencialidade da zona

As administracións locais, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e os representantes da iniciativa privada vinculada ao eido turístico marcáronse como obxectivo traballar de xeito coordinado e conxunto na promoción turística da Costa da Morte para converter este territorio nun destino de referencia.

Fixérono no marco do Encontro de Turismo celebrado no Parador de Muxía e impulsado por Costa da Morte Asociación Turística (CMAT). A súa presidenta, Mónica Rodríguez, agradeceu o compromiso “incondicional” das diferentes administracións co proxecto de promoción da zona, e subliñou o protagonismo das empresas para “apostar pola potencialidade destas comarcas como xeodestino turístico”. Unha iniciativa privada que estivo representada por empresas locais e polo tecido asociativo, axencias de viaxes e cadeas hoteleiras de Costa da Morte e do resto da comunidade autónoma.

Marta Rodríguez, membro do equipo da Secretaria Técnica da CMAT, fixou os obxectivos. “Queremos que a Costa da Morte sexa referente e un exemplo da colaboración de iniciativa pública e privada para impulsar un territorio no eido do turismo”.

Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, apelou ás oportunidades do Camiño de Fisterra e Muxía e a futura Senda Litoral. Ao seu parecer, Costa da Morte conta con “sobrados atractivos para consolidarse como un destino turístico de primeira magnitude”.

Unha apreciación coa que coincidiu o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen salientou a aposta do ente provincial polo desenvolvemento dun xeodestino “sustentable e competitivo”. Avogou por buscar “un modelo turístico que nos permita medrar sen perder a identidade e sen cometer os memos erros doutros destinos que, pretendendo medrar rapidamente, se converteron ou se están a converter en destinos fallidos”.

Regueira debullou as liñas de axudas dispoñibles para a promoción do turismo, o patrimonio, a cultura e outras actividades, como o surf.

Tralas intervencións, proxectouse a reportaxe audiovisual O Camiño continúa, un documental que foi gravado no mes de setembro durante o percorrido que fixeron polo Camiño a Fisterra e Muxía e outros puntos da Costa da Morte os blogueiros Bo Saldaña, de ElMundoOk; Leticia Pérez, de Trucos viajeros; Eva Abal, de Una idea un viaje; Dani Keral, de Un viaje creativo; e Alberto Ribas, de Alvientooo. Será empregado como reclamo turístico en canles online e proxectarase en feiras de turismo autonómicas, nacionais e internacionais. Os blogueiros participaron no debate e coincidiron en resaltar o potencial turístico da Costa da Morte.

Os participantes no encontro tiveron tempo tamén para o networking, establecendo vías de diálogo para a posta en común de ideas, novos produtos turísticos e alianzas empresariais. O alcalde de Muxía, Iago Toba, agradeceu, como anfitrión, o interese de todos os asistentes por sumarse á colaboración a prol do sector turístico.

Entre os asistentes estaban tamén o secretario da CMAT e presidente da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), Pablo Canosa, e a secretaria do colectivo, Silvia Bouzas, quen fixo unha avaliación dos retos e fortalezas do tecido empresarial turístico.

29 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.