Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Suma de ideas en Muxía para valorizar os manxares galegos

Percebe da Barca xuntou a expertos en economía, gastronomía, mercadotecnia, nutrición e turismo para aportar coñecemento

A vila da Barca acolleu a expertos en mercadotecnia, economía, gastronomía, turismo e nutrición no congreso organizado pola Asociación Percebe da Barca para poñer en valor os manxares atlánticos de Galicia.

No encontro, que contou co apoio da Deputación da Coruña e o Concello de Muxía, participaron representantes de diferentes Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas. Foi aberto por Modesto Gómez, CEO de Enxeño de Galicia, quen avogou por espremer as ferramentas que ofrece o márketing. “Hai que dispoñer dunha boa identidade, dotala dunha mascota que a personifique e ocupar unha categoría forte na mente dos consumidores”, afirmou. Falou ademais da importancia de ter un bo produto, facendo fincapé en que o márketing non soluciona as carencias dos malos produtos, e instou a encapsular “mensaxes claras, directas e sinxelas que sexan fáciles de lembrar polos consumidores”. Convidou ademais a practicar unha competencia sá.

Miguel Pazos, profesor titular de Xeografía Humana da Universidade de Santiago, membro do Consello científico do IDEGA e director do Instituto de Estudos Turísticos, aludiu á necesidade de explotar todas as potencialidades que ten Galicia a través da posta en valor das súas riquezas. “Debemos pensar en grande e facer un esforzo colectivo para poñer en valor toda a riqueza”, afirmou.

O congreso contou tamén cunha mesa redonda, na que Milagros González, representante da DO Pemento de Herbón, falou das dificultades de “lidar” coas persoas que están afeitas a facer as cousas doutra maneira. José Andrés De la Fuente, representante da IXP Grelos de Galicia, achegou como dato a ter en conta que a maioría dos grelos que se producen non estean incluídos dentro da identificación xeográfica protexida, e avogou pola inclusión.

Jesús Manuel Quintela, da Asociación de Produtores da Pataca de Coristanco, destacou a importancia que ten a diferenciación á hora de comercializar algo aparentemente tan común como a pataca. “Ofrecela con total garantía é fundamental para defender os nosos produtos”, indicou. Pola súa banda, José Cadrado, representante da IXP Faba de Lourenzá, falou da importancia de vender unha experiencia, máis aló do produto, “que leve detrás incorporadas moitas horas de agarimo e de traballo, e combine natureza, gastronomía e cultura local".

Amil López, doutora en Farmacia e nutricionista creadora do concepto “dieta coherente”, empoderou a dieta atlántica como fonte de felicidade e benestar. Alejandro López, director da revista Coralia, dixo que “hai que conseguir que o percebe de Muxía se posicione no lugar que se merece, e para iso é hora de construír unha historia diferencial darredor do produto para facer chegar unha mensaxe clara do seu valor a toda a poboación”.

No encontro participaron tamén Óscar Pérez, da DOP Arzúa – Ulloa, resaltando a importancia da xente para a posta en valor do produto; Joaquín Rodríguez, da IXP Torta de Santiago, quen avogou por desenvolver un proxecto conxunto; e Milucho Louro, da empresa Fresco y del Mar, quen asegurou que “nós estamos para apoiar aos mariñeiros e mariscadores enchendo de vida os portos”.

12 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.