Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Suma prazas o centro de día pobrense ata alcanzar trinta

Ás vinte en funcionamento uniranse 10 máis // O investimento anual nestas instalacións da Pobra ascenderá ata os 272.000 €

A Xunta de Galicia ampliou as prazas de atención no centro de día público autonómico da Pobra do Caramiñal ata chegar ás 30. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García Martínez, visitou este martes as instalacións onde sinalou que con esta ampliación, increméntase a capacidade de atención deste centro que leva seis anos ofrecendo coidados, agarimo e atencións aos veciños da comarca do Barbanza.

En concreto, poranse en marcha dez novas prazas que se suman ás vinte que xa estaban en funcionamento. Deste xeito, o investimento anual nestas instalacións ascenderá ata os 272.000 euros. Fabiola García puxo en valor o traballo dos profesionais deste centro de día para mellorar a calidade de vida das persoas maiores da zona con terapias, actividades para unha vida activa e atención.

A conselleira lembrou que o Goberno galego aposta por aqueles servizos de proximidade que permitan que as persoas maiores poidan recibir atención ao tempo que seguen vivindo nas súas casas e no seu lugar de sempre. A Xunta multiplicou por catro o número de prazas financiadas con fondos públicos desde o ano 2009 ata chegar ás preto de 3.900 que existen na actualidade.

Neste sentido, Fabiola García destacou que o Executivo autonómico segue incrementando o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, que achega coidados profesionais ás casas de máis de 24.000 galegos; así como de outros programas de proximidade como o Xantar na casa, que achega menús sans e equilibrados aos fogares dos galegos que viven sós; ou o programa de Coidados porta a porta, que leva servizos de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria a todos os concellos de Galicia.

Sen saír da comarca, cómpre lembrar que a Xunta incrementou as prazas públicas nos centros de día e no centro ocupacional de Adisbismur, en Outes, ata un total de 41. Nestas citadas instalacións, o Goberno galego financia cinco prazas máis que o ano pasado, chegando a un total de 41 -18 no centro de día e 23 no centro ocupacional-. Para o seu funcionamento destínanse un total de 440.000 euros ao ano.

05 jul 2022 / 19:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.