Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Teatro e rutas que achegan á historia dos naufraxios no litoral da Costa da Morte

A xira de aAntena recala este mércores na praia de Langosteira, en Fisterra // O espectáculo percorre doce espazos simbólicos

O proxecto de teatro e turismo Naufraxios na Costa da Morte segue o seu percorrido por espazos simbólicos para difundir a cultura inmaterial a través da historias dos naufraxios, combinando as funcións teatrais con rutas para coñecer os pormenores dos barcos afundidos nesta franxa litoral atlántica.

Trátase dun espectáculo multidisciplinar que pretende dinamizar turisticamente os emprazamentos que acollen as representacións “e xerar un novo xeito de redescubrir e honrar a nosa historia”, afirma Bernardino Martínez, promotor do proxecto xunto con Xosé Leis.

A función teatral foi escrita polo propio Bernardino Martínez utilizando as traxedias propias de cada lugar para seren representadas, construíndo así propostas únicas para cada lugar. Unha sucesión de escenas onde os vivos, mortos e ausentes explican o que aconteceu nos tráxicos momentos, nunha atmósfera onírica apoiada por unha luz tenue, con música de acordeón en directo, salitre no aire e o son das ondas como fondo do espectáculo, dirixido por Xosé Leis.

O elenco de actores e actrices está formado por Alicia Baña, Andrea Rodríguez, Berni Martínez e Antonio Miranda, que comparten escena co acordeonista Klaus Martínez.

A xira dos Naufraxios na Costa da Morte comezou o pasado 17 de agosto en Camelle, e pasou xa por Caión, Laxe, Arou, Camariñas, Carnota e Muxía. Hoxe chegará a Fisterra, ao pé do hotel Bela Fisterra, na praia de Langosteira, e nos vindeiros días o espectáculo visitará Dumbría (día 25), Cee (día 26), Corcubión (día 27) e Malpica de Bergantiños (3 de setembro). Todas as funcións comezan ás 23.00 horas.

Como complemento ás funcións teatrais estase a desenvolver a Ruta dos Naufraxios, que traslada aos participantes os pormenores dos barcos afundidos na ría e no litoral da costa de Camariñas. Trátase dun percorrido circular para coñecer os espazos e lugares dos naufraxios máis significativos: Banora, Serpent, City of Agra, Iris Hull e Tinacria. Ten unha duración aproximada de catro horas, e inclúe paradas en Cereixo, nos portos de Camelle e Santa Mariña, na praia de Lobeiras (Arou), no Cemiterio dos Ingleses e no faro Vilán.

Asemade, están programadas rutas guiadas circulares por camiños dos concellos beneficiarios da acción, por enclaves naturais e patrimoniais destacados, e que achegan a feitos históricos e acontecementos míticos. Estes roteiros comezaron o pasado día 22 en Laxe, e o venres, día 26, visitarán Malpica.

Xa en setembro, os días 5 e 9 centraranse na costa de Camariñas, e os días 12 e 16 no litoral de Muxía, para rematar os días 19 e 23 no Ézaro.

PATROCINIO. O proxecto Naufraxios na Costa da Morte está patrocinado polo Servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego da Deputación da Coruña e aspira a converterse nun evento anual que sirva de reclamo a visitantes que queiran descubrir a paisaxe e a memoria desta franxa atlántica.

A compañía aAntena naceu, segundo os seus impulsores, “coa misión de escoitar e atender esas pequenas historias que fan grande a nosa realidade humana”. Os seus espectáculos pretenden fomentar a xustiza social e recuperar o patrimonio invisible, como os naufraxios.

24 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.