Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
8-M. A Pobra acollerá unha foliada e unha marcha // Boiro porá en valor con fotos o papel das coidadoras e, con vídeos, o das féminas no deporte // Oroso lembrará a figura de Isolina Nouche, e Brión terá contacontos con Carmen Domech TEXTO F. R.

Teatro, música, ballet e fotos para honrar ás mulleres da comarca

Os concellos da Área de Compostela elaboraron unha variada e intensa programación para conmemorar o Día Internacional da Muller non só o oito de marzo, senón tamén nos días previos e posteriores a esa data.

O Concello de Boiro organizou diversas actividades en colaboración con entidades e asociacións locais. Así, presentarase o proxecto Nós tamén xogamos, consistente na proxección duns vídeos de mulleres deportistas dos distintos clubs boirenses; será o venres 4 ás 19.00 horas no centro social. Na rúa peonil exporase unha mostra fotográfica de mulleres referentes no eido deportivo, titulada Semente de igualdade.

E, no marco das actividades do Pacto de Estado, terán lugar durante este mes obradoiros de manexo de estrés e ansiedade e de saúde afectivo-sexual. As inscricións poden facerse no CIM, por email (cim@boiro.org) chamando ó teléfono 981 844 800.

Ademais, as mulleres do grupo de artes escénicas de asociación Ambar van poñer en escena o venres 11 ás 20.00 horas na casa da cultura a peza teatral As paisaxes de Camille, unha acción artística sobre a loita contra a violencia de xénero no rural. Cruz Vermella vai levar a cabo unha exposición urbana de fotografías das persoas usuarias dos talleres de memoria de todas as parroquias. A mostra leva por título Coidadoras e referentes e busca servir de homenaxe a todas elas.

Asimesmo, a escola de danza Cen Pliés presentará o espectáculo Ceibes, unha performace de ballet que nace da necesidade de liberación e de romper clichés e estereotipos da muller na danza e noutros ámbitos. Será o día 26 ás 19.00 horas na rúa Estatuto de Galicia (rúa peonil).

Na Pobra, como antesala á dita efeméride, o día 5 celebrarase a Festa das Mulleres no Cantón da Leña, a partir das 18.30 horas. En caso de choiva, trasladarase ó Teatro Elma.

Os grupos Xiada, Arrancadeira e Eiradela interpretarán unha adaptación feminista e actual das músicas tradicionais. As intervencións musicais estarán intercaladas cos relatos e testemuños dunha representación de mulleres da Pobra de distintos colectivos.

O día 8, os alumnos de Infantil e Primaria elaborarán gorros de papel con cartolina violeta cun lema, e formarase arredor de cada centro unha cadea humana cunha pancarta na cabeceira.

Ese mesmo día terá lugar unha marcha feminista que dará comezo ás 20.00 na Praza Segundo Durán e percorrerá as rúas peonís ata o Concello, onde se lerá un manifesto. No Teatro Elma representarase o sábado 12 Comando comadres, de Matrioshka Teatro, e o día 19, Bravas: unha historia das nosas mulleres, protagonzaida por Isabel Risco, mentres que o día 26 proxectarase o documental A poeta analfabeta (nos tres casos ás 20.00).

Pola súa banda, para festexar o Día Internacional da Muller e a Recuperación da memoria histórica, Oroso vai honrar a figura de Isolina Nouche Costa (1920-2016) o domingo ás 12.00 horas no salón de plenos. Intervirán o alcalde, Luís Rey; a historiadora Aurora Marco e familiares da homenaxeada.

En Brión haberá un serán contacontos a cargo de Carmen Domech, que presentará o seu espectáculo A carteira de Augasclaras, para concienciar a nenas e nenos contra a violencia de xénero mediante a narración oral, monicreques e xogos de imaxes inspirados nos álbums ilustrados Artur e Clementina e Rosa Caramelo de Adela Turín e Eu vou contigo de Raquel Díaz. A actividade, destinada a nenos e nenas de 4 a 11 anos, celebrarase o día 11 ás 17.30 horas na casa da cultura. A entrada será libre ata completar o aforo, pero é preciso reservala antes.

03 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.