Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Teatro, regueifa e exposicións a partir do legado do antropólogo Hennignsen

Doce concellos da provincia acollerán o evento divulgativo ‘A ollada de Gustav’ // É unha iniciativa da compañía aAntena

A compañía de teatro aAntena, implicada coa memoria e coa igualdade, vén de rematar unha xira en lugares singulares da Costa da Morte co seu espectáculo Naufraxios, apoiado pola Xunta e a Deputación da Coruña. Neste 2022 sumouse tamén a experiencia de teatro comunitario e recollida As voces das mulleres, apoiada igualmente pola Deputación da Coruña, coa estrea na MIT Ribadavia da función de teatro documento Relato para un incendio.

Un espectáculo que agora arrouparán cun evento divulgativo alén da escena: A ollada de Gustav, apoiado no traballo do antropólogo danés Gustav Henningsen. Unha inciativa que vén de ser favorecida nas axudas Territorio cultura dos fondos Next Generation da UE a través do Agadic, da Xunta de Galicia, e que percorrerá varios municipios da provincia. A presenza da Costa da Morte neste será moi importante, xa que levará actividades a Muxía, Mazaricos e Dumbría.

Ademais de contar con entidades como Asociación Cultural Raigañas, encargada de recuperar o folclore recollido por Gustav Hennigsen, Lupe Blanco coñecida regueifeira, percorrerá os institutos para divulgar as regueifas entre o alumnado de ESO.

A primeira actividade será este luns, día 6 de novembro ás 18.00 horas na casa de cultura de Mazaricos, coa representación de Relato para un incendio, de Ernesto Is. O día 16, ás 10.30 horas no C.P.I. da Picota, Lupe Blanco impartir un obradoiro de regueifa.

A ollada de Gustav trata de poñer en presente os traballos de Gustav Henningsen, que visitou Galicia en 1965 enviado por Julio Caro Baroja para facer un estudo etnográfico sobre as crenzas encol da bruxaría no noso país.

Durante vinte meses, este investigador desenvolveu un intenso traballo de campo por todo o país e no occidente de Asturias, deténdose de xeito especial nas terras de Ordes. “A recollida fotográfica e gravacións do antropólogo danés nos anos sesenta é unha das máis reveladoras intervencións feitas sobre o noso acervo cultural . De aí que vexamos como necesaria estas diferentes accións para pór en valor esta identidade e tradición”, afirma Bernardino Martínez, de aAntena.

Entre as acccións do proxecto destacan a exposición das fotografías e gravacións do investigador danés, comisariada polo Museo do Pobo Galego, que se poderá ver en Mesía e Vilasantar. Tamén organizarán tres seráns en Mesía, Paderne e Sobrado dos Monxes, coordinados por Raigañas para interpretar as cancións recollidas por Gustav Henningsen, incorporando coplas da tradición de cada lugar. Os obradoiros de regueifa de Lupe Blanco chegarán tamén a centros educativos de Dumbría, Muxía, Mazaricos, O Pino, Palas de Rei, Rois e Boqueixón.

A iniciativa complementarase coas charlas divulgativas Bruxas e fadas, princesas e labregas. Figuras de muller nos contos galegos, a cargo da profesora e escritora Camiño Noia; Etnomedicina popular, con Maria Moure, acompañada dun vieiro para descubrir as plantas do lugar e as súas propiedades. Estas chegarán a Boimorto, Boqueixón, Douro, Mesía, Paderne, Sobrado e Vilasantar.

Pola súa banda, co espectáculo Relato para un incendio, coproducido polo Centro Dramático Galegao (CDG) e aAntena, “a modo de teatro documento, viaxamos polo presente dos sesenta con Henningsen, a recente trama da condena da pirómana de Cerceda, e todo bañado coa posta en actualidade do que significa a figura da bruxa, a súa condena e a extirpación de certos saberes da nosa identidade”, afirma Bernardino Martínez. Unha función dirixida por Xosé Leis con Isabel Risco, Manu Fernández e Victoria Pérez, como actores principais.

07 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.