Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Sanmartín, González Raviña e Lema Suárez van disertar na Reitoral de Bamonde este venres sobre as loitas entre progresistas, con Solís á fronte, e conservadores de De la Concha // Os Quinquilláns anticipan as súas rutas teatralizadas TEXTO M. Outeiro

Teo lembrará 175 anos despois a loita da que xurdiu o galeguismo

O Concello de Teo lembra este venres a Batalla de Cacheiras no seu 175 aniversario, unha confrontación entre o centralismo estatal e as forzas progresistas locais na que algúns historiadores quixeron ver o gromo do galeguismo. E farase dende a área de Turismo cun acto na Reitoral de Bamonde no que presentarán as visitas teatralizadas da Ruta da Batalla que organizará a compañía Quinquilláns durante este verán.

Así, e tal como anunciara este xornal, o venres día 23 ás 19.00 horas intervirán Pablo Sanmartín, responsable do arquivo municipal; Guillermo González Raviña, profesor e investigador, e Xosé Mª. Lema Suárez, profesor e historiador, tres veciños do municipio que, segundo a concelleira de Turismo, María López, “son grandísimos coñecedores deste capítulo da historia de Teo e de Galicia e que nos achegarán xenerosamente parte desa sabiduría”, explica a responsable local.

A loita tivo lugar nas abas de Montouto entre o exército enviado polo goberno de Madrid, ó mando do xeneral De la Concha, e as forzas locais co coronel Miguel Solís á fronte. Foron derrotadas as tropas galegas, e os seus mandos fusilados tras un xuízo sumarísimo na vila de Carral. E detrás deste levantamento existía unha intelectualidade provincialista que constitúe o punto de partido da reivindicación galeguista contemporánea. Para os historiadores españois foi un de tantos pronunciamentos militares do século dezanove, mentres que para algúns historiadores galegos foi un auténtico movemento independentista.

O acto será no espazo exterior da Reitoral de Bamonde e por temas de aforo para asistir hai que anotarse previamente enviando un correo electrónico a turismo@teo.gal indicando os datos das persoas asistentes, ademais dun número de teléfono de contacto. Este será tamén o primeiro acto público nun espazo que era de xestión privada e que agora mesmo está cedida ao Concello por 35 anos. O convenio entre Concello e Igrexa asinado a finais de do 2018 permitiu a recuperación para uso público de tres espazos fundamentais de tres parroquias: a reitoral de Bamonde, a Horta do cura en Luou e a finca da Tomada, na parroquia de Calo.

DESTACADA. Dende a Reitoral de Bamonde ademais sae unha das rutas turísticas máis destacadas do Concello de Teo, que remata en Montouto e lembra a Batalla do 1846 na que se enfrontaron as tropas sublevadas do coronel Miguel Solís e as tropas enviadas dende Madrid dirixidas polo xeneral Gutiérrez de la Concha, que precisamente durmiran en Bamonde. No ano 1846 Montouto foi escenario dunha batalla que mudou Galicia. Foi o penúltimo capítulo dun movemento liberal, galeguista, provincialista, progresista e ata idealista e romántico que, a pesar da derrota, achegou a terra dos mil ríos á modernidade.

Dende Turismo de Teo están deseñando un acto que terá continuidade este verán, xa que o que ofrecerán Os Quinquilláns será un adianto dos roteiros dramatizados sobre a Batalla de Cacheiras que se farán nas fins de semana dos meses de xullo, agosto e setembro. A proposta incluirá unha ruta dende Bamonde ata o mirador de Montouto con case nove quilómetros de percorrido. O actor e actriz farán varias paradas nas que debullarán parte deste acontecemento histórico. A previsión é que estas rutas dramatizadas se realicen os sábados de xullo e agosto pola mañá e os domingos de setembro tamén en horario de mañá. Para anotarse abrirase un periodo no vindeiro mes de xuño.

21 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Teo
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.