Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tojo, Cortizo e os técnicos supervisan a rotonda de entrada a Rois na AC-301

A nova infraestrutura foi executada, a petición do Concello, pola firma do empresario para mellorar a seguridade da zona

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, acompañado polo empresario José Manuel Cortizo e por técnicos da firma, visitou a nova rotonda que dá acceso ao municipio pola estrada AC-301, que foi construída por Aluminios Cortizo atendendo á petición feita por Ramón Tojo para mellorar a seguridade viaria na zona e que comunica a capital municipal coa N-550 e coa AP-9.

Durante a visita, Ramón Tojo agradeceulle a José Manuel Cortizo o investimento realizado “para mellorar a seguridade nunha estrada que cada vez ten máis tráfico, e que lle facilita á veciñanza o

acceso á N-550 e á autoestrada en menos de dez minutos dende a casa consistorial”, sinalou o rexidor.

Segundo púxose de manifesto, esta infraestrutura vai beneficiar tamén á veciñanza de Seira, ao facilitarlle a incorporación á AC-301 e poder contar tamén con luces led nos primeiros metros de acceso ao núcleo de poboación. A instalación deste alumeado público, así como o que facilita a visibilidade na rotonda durante a noite, foi tamén sufragado por Aluminios Cortizo. Unha das novidades da infraestrutura é que recibe aos automobilistas coa palabra Rois a súa entrada ao municipio.

Na supervisión desta infraestrutura, que xa está en funcionamento unha vez rematadas as obras, participaron Ramón Tojo e José Manuel Cortizo, fundador da empresa, así como o director de expansión e o director técnico de Aluminios Cortizo, Alén Fernández e Miguel Escobero, respectivamente, e o xefe do proxecto desta obra, Juan José Fentanes.

Esta infraestrutura será tamén o punto de acceso para o futuro campus tecnolóxico que Aluminios Cortizo vai construír nas inmediacións e no que a empresa fará un investimento de 40 millóns de euros.

Neste proxecto único no sector en España, destinado á investigación e á formación, traballarán 350 arquitectos e enxeñeiros dedicados ao desenvolvemento de cerramentos a medida para grandes construcións en todo o mundo. Miriam Cortizo, filla do fundador, sinalou na súa presentación en 2019 que este campus nace como “o espazo de enxeñería de envolventes máis importante de Europa”. A previsión é que estea rematado o ano que vén.

TITULARIDADE. Por outra banda, cabe lembrar que hai uns días a Xunta de Galicia publicaba no DOG a transferencia a prol do Concello de Rois dunha superficie de 4.107,78 metros cadrados da zona de dominio público adxacente ao treito da estrada AC-301, na súa marxe dereita, entre os puntos quilométricos 1+450 e 1+560.

12 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.