Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Traducen’ a números e a notas musicais a obra ‘De catro a catro’

Vargas e De Toro presentan un espectáculo en Rianxo baseado nos versos de Manuel Antonio

O auditorio municipal de Rianxo acolle este sábado 14, a partir das 21.00 horas, o espectáculo Máis Alálá, un proxecto poético sonoro performático inspirado no libro De catro a catro do poeta local Manuel Antonio creado polo músico cubano Alejandro Vargas e o escritor e performer británico Xelís de Toro.

O título desta novidosa proposta alude ó do manifesto literario Máis Alá que Manuel Antonio realizou xunto con Álvaro Cebreiro no ano 1922.

Partindo dos dezanove poemas do libro De catro a catro, ambos artistas crearon un sinxelo programa informático para transpoñer todas as letras dos poemas a números e, posteriormente, a notas musicais. Isto permítelles traballar cun banco de palabras e un banco de notas musicais.

Este material poético e musical é o punto de partida para crear un universo creativo propio pero que ao mesmo tempo se nutre da atmósfera poética e filosófica do libro.

A entrada ó espectáculo é gratuíta, previa reserva de localidades a través da páxina web municipal.

Por outra banda, o auditorio rianxeiro vai ser escenario no vindeiro mes de xullo doutra interesante proposta no eido musical. Trátase dun curso de Big Band, tipo de formación que foi un piar básico sobre o que se construíron os elementos que conforman a esencia da música do Jazz.

Vaino impartir Alfredo Susavila (titulado superior nesa especialidade musical) os martes e os xoves dese mes, de 10.00 a 14.00 horas, con clases teóricas e prácticas. A matrícula é gratuíta, cunha fianza de 20 € que será reintegrada ao final do curso (sempre e cando a asistencia sexa do 75 por cento).

FESTIVAL NOITES DE JAZZ. Mediante as sesións de prácticas de ensaio, e co obxectivo final de realizar un concerto para apertura do Festival Noites de Jazz que se vai celebrar en Rianxo, os participantes achegaranse aos distintos aspectos que afectan a un músico de Jazz e, mediante a interpretación de arranxos para esta formación, entenderán e vivirán a experiencia de recrear as sonoridades típicas das big bands. Entre moitas outras cuestións abordaranse, por exemplo, o concepto de acompañamento e interacción na sección rítmica e os estilos relacionados coa linguaxe do jazz, como Funk, Bossa, Latin, Afro ou Swing.

13 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.