Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Xunto ao regato do Chonia pódese realizar unha fermosa ruta etnográfica na que se atopan pequenas fábricas de enerxía hidráulica, muíños e tamén tres batáns // As igrexas son de gran beleza pola súa sinxeleza e variedade TEXTO Manuel Romasanta

Trazo amosa unha historia en verde de auga e pedra

No concello de Trazo, a verde campiña que viste a súa meirande parte; as rochas do monte Pedroso; e as augas que discorren polas súas terras conforman unha fermosa paisaxe única polo seu colorido e as construcións relacionadas coas igrexas e co aproveitamento da forza da auga. O río Tambre, que se aproxima lento e serpeante dende o seu berce en Sobrado, inicia aquí o seu percorrido final formando un canón que dalgún xeito trasládanos aos canóns do Sil; o río Lengüelle, que xunto co Tambre delimita gran parte dos límites do Concello, así coma o río Chonia e os abundantes regatos que acollen estas terras; as rochas de granito de diferentes tamaños e formas como a Pedra Faladora, que vista de fronte semella ser unha cara que lanza un berro; as igrexas, ermidas e capelas que salpican a súa paisaxe... Son todo un canto a emoción e ao sosego.

As igrexas de Trazo son de gran beleza pola súa sinxeleza e variedade. Como exemplos podemos citar a ermida románica de Augas Santas, lugar ao que, segundo a lenda, acoden os fieis para curar dos seus males; a igrexa de San Cristovo de Xavestre, con fermosa balaustrada e cruceiro; a igrexa de Santa María de Restande, barroca, onde podemos contemplar unha espadana rodeada de balcón; a igrexa de San Mamede, en Berreo, que posúe un campanario exento ou o Santuario de Santa Eufemia e San Mateo, en Vilouchada, de estilo neoclásico e que se coñece como a Catedral da Montaña polas súas dimensións, xa que non se corresponden a unha zona rural. Cerca atópase a Fonte da Santa e a Pedra dos Cadrís, para curar reumatismos.

Trazo tamén é auga e como consecuencia o seu aproveitamento orixinou fontes de enerxía decisivas para a vida nas aldeas. Xunto ao regato do Chonia pódese realizar unha fermosa ruta etnográfica na que se atopan pequenas fábricas de enerxía hidraúlica (algunha en funcionamento ata a década dos anos 70), muíños e tres batáns. Son recordos doutras épocas na que tiveron unha enorme importancia económica e social, aínda que a día de hoxe todo é silencio e abandono. Os batáns de Oa no Chonia ; os do Mosquetín, en Vimianzo; os de Mezonzo, en Vilasantar, e os de Finca Galea, no Valadouro, resisten, con maior o menor fortuna, o paso do tempo.

Basicamente un batán (en Galicia tamén se lle denomina pisón ou folón) é un aparello de madeira que maza as teas abertas, que foron confeccionadas nos teares manuais, e fainas máis compactas. Está movido por enerxía hidráulica, coma outros aparellos do rural galego: muíños, ferrerías e serradoiros. A primeira referencia en España é do século XII. O capítulo XX da primeira parte de Don Quijote de la Mancha narra unha aventura relacionada cos batáns. A súa importancia no Antigo Réxime podemos deducila a través dun decreto do rei Carlos III que declaraba exentos do sorteo para quintas aos fillos dos bataneiros.

O batán consta de tres pezas fundamentais: a caixa ou mesa, dous mazos e a roda. A auga chega por unhas canles ao interior do batán onde se atopa o rodicio que recibe a auga nas súas pas. Estas fan xirar o eixe que levantará os dous mazos para golpear alternativamente a peza colocada na pía. Para que non se queime a peza, como consecuencia da fricción polos golpes dos mazos, era preciso botarlle auga por enriba. Abatanábase no inverno, pois no verán reservábase a auga para os muíños. Segundo a calidade da la, a actividade de abatanar podía durar un tempo moi variable. O bataneiro cobraba sempre en cartos e non en especies.

En Trazo, o verdor da súa campiña, as lendas, a auga e a pedra forman un fermoso e agradable conxunto difícil de esquecer para quen todo aquel que decide visitalo.

22 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.