Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Trece festivais animarán o Nadal esta fin de semana no Barbanza

Catro son a beneficio de Anedia, Cáritas, a protectora Moura e a loita contra o cancro // Arrancadeira, Xilbarbeira, Fogo Fátuo ou Bailadela poñen a música tradicional

Chega a fin de semana previa ó Nadal e, con ela, unha apretada axenda de actividades para público de todas as idades que, no caso da comarca do Barbanza, inclúe, entre centos de propostas, nada menos que trece festivais.

Na Pobra, o folclore galego converterase en protagonista do Festival de Nadal que organiza Arrancadeira, con bailes e cantos tradicionais típicos destas datas. Será este sábado 17 ás 18.30 horas no Teatro Elma e participarán, ademais da citada entidade, a A.C. Os Jaitas Blue, a Escola de Cantigas e Agarimos e a A. C. Mestre Manuel Gacio.

Realizarase tamén un sorteo de produtos que foron doados por establecementos da localidade e disporase dun stand para a recollida de donativos a favor da asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia).

Ademais, o polideportivo da rúa Venecia acollerá ás 20.00 horas un festival de exhibicións de patinaxe dos clubs da Pobra e de Ribeira.

A Pobra recadará fondos cos que contribuír á defensa dos animais nun festival solidario organizado pola protectora Moura coa colaboración do Concello. O evento celebrarase o sábado 17 ás 21.30 horas nunha carpa da Praza Alcalde Segundo Durán, onde haberá música en directo.

Os artistas convidados son Pito de Pikasso, Os Bar Ban Sónicos e La Duendeneta. Haberá tamén tapas, bebidas e sorteos e repartirase material divulgativo das campañas realizadas para a sensibilización sobre o benestar animal. O Teatro Elma será o domingo 18 o epicentro dun festival de canto, baile e música tradicional a favor da loita contra o cancro que organiza a Asociación de Amas de Casa. A cita será ás 18.30 horas e contará coa participación dos grupos da entidade e Os Caraveiros, ademais da visita do Apalpador. A entrada é de balde ata completar o aforo e habilitarase un stand para a recollida de donativos a beneficio da Asociación Española contra o Cancro, para contribuír á investigación e axudar na asistencia ás persoas enfermas e ós familiares.

En Boiro, o sábado 17 ás 18.30 horas celebrarase no polideportivo da Cachada o Festival de Nadal do Club de Patinaxe local. E á mesma hora, na casa da cultura, o Festival de Nadal de Xilbarbeira contará coa participación do grupo de baile e música tradicional de Abanqueiro.

O domingo 18, ás 17.00 horas, no centro social de Abanqueiro, terá lugar o Festival de Nadal da asociación cultural desa parroquia, coa colaboración dos grupos Abeloura, A Arrancadeira, Os da Boina, Nunca é tarde, Aficionados do Teatro, Os centenarios de Louro e A Dorniña.

E unha hora despois, na casa da cultura da Cachada, será o Festival de Nadal da Escola de ballet Cen Pliés.

En Rianxo, o auditorio acollerá o sábado 17 ás 20.00 horas o Festival de Nadal da Asociación Fogo Fátuo, con entrada de balde e retirada de convites a partir das 19.30.

O domingo 18, tamén no auditorio, desenvolverase a partir das 11.30 horas o Festival de Nadal da Escola de Música de Rianxo, coa participación do alumnado das aulas de piano, violín, violonchelo, contrabaixo, guitarra, baixo eléctrico e combo infantil. A segunda sesión desta actividade terá lugar o venres 23 de decembro, ás 20.00 horas, co resto das aulas instrumentais de vento, percusión e iniciación musical.

En Ribeira, este venres 16 ás oito da tarde, no auditorio, celebrarase o Festival de Nadal da Asociación de Amas de Casa, a beneficio de Cáritas.

O sábado 17, dende as 20.00 horas, haberá no auditorio municipal unha actividade de canto e música tradicional denominada Festa da Terra dos Nosos, coa actuación dos grupos Bailadela, Sete Linguas, Sonelas e Chorimas.

E o domingo 18, na Aula de Música de Aguiño, será o Festival de Nadal da Asociación Musical Sons do Mar.

delegribeira@elcorreogallego.es

actuacións en ribeira
Música polas parroquias

··· O Concello de Ribeira deseñou para este Nadal un extenso programa no que teñen un protagonismo especial as actuacións musicais en todas as parroquias, e que rematarán con chocolatadas de balde para os asistentes ata esgotar existencias. Comezarán as actuacións este domingo 18 na igrexa de Bretal coa Misela de Noia. O mércores 21 en Carreira estará a charanga Os Celtas da Baña, que actuará o xoves 22 en Castiñeiras. O venres 23 en Ribeira será o concerto da coral municipal na igrexa parroquial. O domingo 25 celebrarase en Corrubedo un concerto dos Liantes. O mércores 28 chegará a música da Misela de Noia a Palmeira. O xoves 29 tocarán Os Celtas da Baña en Oleiros. O venres 30 actuará A Misela de Noia na igrexa parroquial de Aguiño. E o domingo 8 de xaneiro a Rondalla Moraima actuará no Centro Recreativo de Artes. Tamén haberá programación infantil en todas as parroquias co Nadal Pelegrín, polas tardes. Comezará o día 26 en Palmeira e rematará o 4 de xaneiro en Aguiño. Haberá inchables, carteiro real, obradoiros, música e un espectáculo sorpresa.

16 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.