Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Trenor visitou onte as obras do bordo portuario de O Son

Acompañouno Luis Oujo para analizar situación sanitaria e repasar os proxectos que ten en marcha a Xunta no Concello sonense

O novo delegado territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, realizou onte a primeira visita institucional ao Concello de Porto do Son tras a toma de posesión do cargo. Alí foi recibido polo mandatario local, Luis Oujo, e a tenente de alcalde, María Maneiro, cos que posteriormente mantivo unha reunión para repasar os proxectos que ten actualmente en marcha o Executivo galego no municipio sonense e as necesidades derivadas do covid-19 nos distintos servizos públicos do propio municipio.

Unha das actuacións que acaparou máis atención foi a da fachada marítima de O Son. Os representantes públicos puxeron en valor o importante investimento que se está realizando por parte da Consellería do Mar de máis de catro millóns de euros para levar a cabo a remodelación integral do bordo portuario da localidade, coa que favorecerán a integración do porto na vila facendo toda a esta zona máis atractiva. Ademais, destacaron o gran avance que supuxo a mellora da zona de atraque do porto cun investimento de 500.000 €.

Por outra banda, Trenor e Oujo tamén coincidiron nos problemas que está xerando a decisión do Goberno central de eliminar máis de 100 millóns de euros dos orzamentos destinados a emprego para a comunidade autónoma, o que está provocando que non se poidan iniciar os obradoiros de emprego.

Do mesmo xeito, o delegado territorial e o rexedor abordaron a situación sanitaria en O Son. Neste senso, Gonzalo Trenor lembrou a creación dos comités clínico e educativo que contan con mecanismos de asesoramento, decisión e avaliación para loitar contra o coronavirus en coordinación permanente cos concellos.

Por último, o representante do Goberno galego e Oujo puxéronse ao día sobre todas as actuacións que está a tramitar a administración local con respecto á Xunta: o traslado do centro de saúde sonense, o saneamento de Queiruga e San Pedro de Muro, o cambio de ubicación do colexio de Portosín ou as novas intervencións no Castro de Baroña, entre outras.

26 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito