Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MEDIO AMBIENTE. Carme, Choncha e Esperanza, veciñas de Riobó, camiñan todos os días e voltan á casa cargadas de latas e plásticos // Din que é un xeito de axudar á natureza e facer deporte // O Concello quere sumar máis voluntarios TEXTO J. Ramos

Tres cabanesas pasean con bolsa do lixo para manter limpo o pobo

    Cargando reproductor ...

Carme, Choncha e Esperanza son tres veciñas da parroquia de Riobó (Cabana de Bergantiños) que gustan de saír a pasear xuntas polos camiños da súa contorna. Comezaron, como a gran maioría, co ánimo de levar unha vida máis saudable pero, dende hai uns meses, pensaron que poderían sacarlle aínda máis proveito ás súas camiñadas. Dende entón, antes de saír da casa, cada unha delas colle unha bolsa do lixo para ir recollendo latas, plásticos e outros residuos que van atopando ao longo dos seus percorridos. “É un xeito de combinar deporte e realizar pequenas accións en favor do medioambiente”, aseguran.

As tres están xubiladas e saen a camiñar xuntas todos os días polas mañás. “Facemos unha media de dez quilómetros, levamos unha bolsa da compra con asas e imos recollendo os residuos cos que nos imos topando polo camiño”, afirma Carme. Un lixo que depositan despois nos contedores dos que dispoñen na parroquia.

Choncha asegura que “algún día chego á casa cos brazos cansos de cargar cas bolsas, pero é un pracer”, xa que é unha acción que as reconforta ao ver que estás contribuíndo a coidar do medio natural. “Sería unha satisfacción moi grande ver a máis veciños con bolsas recollendo o lixo. Iso suporía que que hai máis xente á que lle importa a natureza”, sinala Esperanza.

E parece que a súa iniciativa non está a caer en saco roto, pois o exemplo destas tres mulleres comeza a calar entre a veciñanza. Tanto que o propio Concello de Cabana vén de impulsar un programa de voluntariado para contribuír á limpeza do entorno natural en todo o termo municipal. Elas mesmas estenderon a súa actividade a outras zonas da contorna, entre elas varios espazos polos que discorre o popular Camiño dos Faros.

Aproveitando a iniciativa destas veciñas de Riobó, o Concello puxo á súa disposición o servizo de retirada de residuos voluminosos e iniciou unha campaña de captación de máis voluntarias e voluntarios aos que ademais lles fan entrega duns cortaventos personalizdos, co que o proxecto comeza a ter imaxe propia. Ademais, a campaña de difusión complementouse cun vídeo protagonizado por Carme, Choncha e Esperanza que están a difundir a través das redes sociais do municipio.

Tanto o goberno local como as propias impulsoras da iniciativa pretenden incrementar o número de persoas coa fin de que experiencias similares se poidan desenvolver en todas as parroquias de Cabana.

Para adherise a esta campaña “só é preciso poñerse en contacto co Concello para xestionar a recollida de lixo”, afirma o alcalde, José Muíño. Entende que “o coidado do noso medio precisa de pequenos xestos como os que realizan estas tres veciñans de Riobó”, e asegura que estarían “encantados” de atender moitas máis solicitudes e de poñer “todos os recursos que estean na nosa man para contribuír a gozar dun entorno san e dunha veciñanza comprometida”.

Esta ecolóxica proposta que xorde en Cabana de Bergantiños vén a complementar outras semellantes impulsadas por colectivos como Mar de Fábula que, neste caso, están centradas na loita contra o lixo mariña. No seu afán de concienciar á cidadanía, a pasada fin de semana os técnicos da asociación compartiron cos nenos e nenas da escola infantil de Camelle (Camariñas) unha xornada ambiental.

Acompañados pola súa directora, os pequenos achegáronse á praia da vila onde, durante unha hora, correron e apañaron lixo plástico espallado ao longo das liñas de marea e mesturado cos argazos. Despois, levaron a súa colleita ata o local de Mar de Fábula onde aprenderon a identificar as principais fraccións dos residuos que recolleron. Participaron tamén nunha pequena charla adaptada á súa idade sobre os perigos dos plásticos para o mar e as súas criaturas, e antes de voltar á escola tiveron a oportunidade de deixar voar a súa imaxinación para construir cousas cos anacos de plásticos que devolveu o mar.

Foi, segundo Xosé Manuel Barros, portavoz de Mar de Fábula, “un acto simbólico cargado de futuro, co que quixemos retomar as actividades de maneira presencial nas nosas instalacións de Camelle”.

06 may 2021 / 20:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.