Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CARBALLO. Íntegro clausurou no IES Monte Neme a última campaña, que chegou a máis de cincocentos estudantes // Aposta por unha educación en valores TEXTO M. Lavandeira

Trinta anos de concienciación para previr lesións medulares na Costa da Morte

O IES Monte Neme de Carballo foi o escenario elixido pola asociación Íntegro para clausurar a campaña de prevención da lesión medular nunha edición especial que reuniu, ademais de alumnado e profesorado, a uns convidados de excepción para conmemorar o trinta aniversario desta iniciativa, unha das primeiras da historia da entidade.

Xunto a Adolfo López Baña, presidente de Íntegro, e outros responsables da entidade, acudiron Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, e Antonio Rodríguez Sotillo, xefe da Unidade de Lesionados Medulares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

López Baña foi o encargado de inaugurar a xornada, na que participaron noventa alumnos e alumnas de 4º da ESO e os ciclos de Formación Profesional. Tras realizar un repaso pola historia da entidade, explicou a necesidade de seguir mantendo estas campañas de sensibilización para “concienciar á mocidade sobre as consecuencias dun accidente medular, que pode acabar coa nosa vida nun segundo”, afirmou.

Neste sentido, o alcalde de Carballo apelou á responsabilidade dos máis novos, aos que lles pediu, agora que comeza a temporada estival e as festas, “que desfruten da etapa que están vivindo e se divirtan pero con sentidiño e sen riscos”. Evencio Ferrero tamén aproveitou a ocasión para narrar a súa experiencia persoal como lesionado medular.

Para conmemorar un aniversario tan especial, Íntegro quixo contar igualmente cun convidado especial: o doutor Sotillo, quen acompañou á entidade xa nas súas primeiras charlas sobre prevención e é un dos protagonistas do vídeo A ti tamén che pode pasar, promovido pola asociación e que foi proxectado ao finalizar o acto. O xefe da Unidade de Lesionados Medulares do CHUAC explicou en que consiste o seu traballo e enumerou as principais causas e consecuencias de sufrir un accidente destas características.

A xornada concluíu cun breve coloquio, que os alumnos e alumnas aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con esta doenza, algo que pudieron coñecer de primeira man, xa que varios membros da asociación ofreceron os seus testemuños e relataron as súas propias vivencias.

Desde Íntegro agradecen, unha vez máis, a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión desta campaña, na que participaron durante o presente curso máis de 500 estudantes de educación secundaria e formación profesional da Costa da Morte. O obxectivo é “crear conciencia entre os máis novos e apostar por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva”, afirman.

A Asociación Íntegro das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte celebra este ano o seu trinta aniversario e está a desenvolver novos proxectos, como a ampliación do seu Centro de Recursos, ubicado en Nantón (Cabana de Bergantiños) para incrementar o número de prazas públicas concertadas, ao tempo que puxo en marcha novas políticas de conservación ambiental a través da iniciativa Diversiplás. Segundo o seu presidente, Adolfo Baña, “seguiremos sendo unha entidade comprometida coa nosa misión de alcanzar a inclusión das persoas con diversidade funcional”.

O protagonista
“Isto non
ten cura, só rehabilitación”
A. Rodríguez Sotillo
Xefe da Unidade de Lesionados Medulares do CHUAC

O doutor Antonio Rodríguez Sotillo, que volveu a acompañar a asociación Íntegro, fixo especial fincapé no encontro cos alumnos do IES Monte Neme no carácter irreversible desta doenza, subliñando que “non ten cura, só rehabilitación”. Aproveitou tamén a súa intervención para dar a coñecer como é o traballo diario que desenvolven dende a Unidade de Lesionados Medulares do Hospital da Coruña, que é un referente a nivel nacional no tratamento deste tipo de doenzas.

{ PASABA POR AQUÍ }
Sensibilizar desde a aula
Manuel Lavandeira

Aínda que non se poida cuantificar, do que ninguén dubida é do labor impagable da asociación Íntegro a prol da concienciación e sensibilización para previr lesións medulares. Trinta anos avalan xa esta campaña e tamén a un colectivo que foi impulsado por lesionados medulares, como é o caso do seu presidente Adolfo López Baña. Saben ben do que falan e, por iso, é de agradecer o seu compromiso e esforzo para tentar evitar que a mocidade cometa erros que poidan marcar o resto das súas vidas. O colectivo non desvanece na súa loita porque saben ben que a mellor forma de previr estas doenzas é achegar a realidade das mesmas aos máis novos dende as aulas. Son conscientes de que é aí onde comeza a educación responsable e inclusiva.

18 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.