Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un proceso “moi garantista”, pero que “quita as ganas”: en Nebra durou 35 anos

No xusto intre no que se entregaban os títulos da parcelaria, era soterrado Pepe de Porto, o último dos seis veciños que a promoveu

O longo proceso da concentración parcelaria que rematou este martes en Nebra (Porto do Son) comezou hai 35 anos da man dos seis veciños que o impulsaron: Jesús Rodríguez Maneiro, Manuel García Filgueira, José da Ponte, Emilio da Ponte, Manuel Cruces e Pepe de Porto Foloña. Todos eles faleceron xa. Unha fatal casualidade fixo que o último deles, Pepe de Porto, de 93 anos, fose soterrado este martes no xusto intre no que se entregaban os títulos da propiedade. As campás chamaban ós veciños á igrexa ó mesmo tempo que funcionarios da Consellería de Medio Rural repartían os turnos para recoller a documentación no local social.

Entre as propietarias das novas parcelas estaba Moncha González Santos, que tiña 22 anos cando comezou ese proceso de reorganización territorial en Nebra. Ela non quedou moi satisfeita. “Antes tiña unha parcela; agora danme dúas e, por encima, separadas, cando se supón que é unha concentración. Ademais, danme menos metros cadrados, e o terreo é de peor calidade. Iso si: abriron pistas por todas partes”, señala.

Con todo, Moncha di que ela si quere traballar esas terras “porque me gusta o campo”, aínda que non pensa que os seus fillos o vaian facer.

Quen si quedou contenta foi Carmen Calo Maneiro, de 78 anos. Ela tiña dúas parcelas afastadas unha da outra; agora ten dúas tamén, pero xuntas. Carmen afrontou dúas concentracións parcelarias: a de Nebra e a de Noal. Cinco anos despois de rematar unha empezou a outra. Ela ten netos. Un atopou traballo en Madrid e afincouse alá. “Os nosos avós emigraban ca maleta; os nosos netos marchan co ordenador, pero non deixa de ser outra maneira de emigrar. Pero os netos máis novos non sei o que farán”, di arqueando as cellas.

Hai seis anos, esta muller deixou de traballar as terras cando quedou viúva. Este martes recollía os seus títulos da parcelaria sen moita máis ilusión que a de poder formalizar o testamento para pasarlle as fincas ás súas fillas.

UN CENSO Á BAIXA. Nebra é unha parroquia de 709 veciños. Nestas case catro décadas que durou a concentración parcelaria foi perdendo poboación, lenta, pero continuamente. Só na última década perdeu 92 habitantes (en 2012 había censados 801).

“Temos que facer autocrítica dende as administracións. Non debemos tardar tanto tempo en xestionar unha concentración parcelaria: quítalle as ganas ás outras parroquias”, comentaba o alcalde de O Son, Luis Oujo.

O mandatario local explicaba que ao longo destes trinta e cinco anos “houbo varios cambios de normativas e de leis, e xurdiron moitas complicacións administrativas. A última delas, a negativa do rexistrador da propiedade a inscribir as novas parcelas, porque non coincidían os metros cadrados. Afortunadamente, todas esas complicacións fóronse solventando”.

Ao respecto, o conselleiro de Medio Rural, José González, dixo que o verdadeiro motivo de que estes procesos se retrasen tanto “é que son moi garantistas e afectan á estrutura da propiedade. Hai moitos momentos nos que se poden presentar recursos. Ademais, a parcelaria de Nebra vén da lexislación anterior. A Lei de mellora da estrutura agraria de Galicia, en vigor dende 2015, simplificou e axilizou as concentracións”.

O GRAN RETO. “O reto da Xunta de Galicia, no que estamos a traballar, é dotar de máis base territorial ós nosos agricultores e gandeiros. Temos unha terra extraordinaria, pero tamén zonas de moito abandono e explotacións que necesitan base territorial”, engadiu o conselleiro, para quen “a revitalización do rural pasa pola rendibilidade das explotacións agrícolas e gandeiras e da silvicultura”.

ENTRE RISAS E CHOROS. “Marcho, que agora son terratenente”, díxolle con sorna un veciño a outro cando se despedían despois de recoller a documentación das novas parcelas. “Iso xa o eras antes tamén”, contestoulle. “Xa, pero agora teño que andar menos”, replicoulle el mentres enfilaba o cemiterio, onde Pepe de Porto foi despedido entre o cariño, o respecto e o recoñecemento dos seus veciños e veciñas de Nebra.

delegribeira@elcorreogallego.es

Case 39 millóns para achegar os mozos ó agro

Porto do Son. Logo da entrega dos títulos, o conselleiro de Medio Rural, José González, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, achegáronse, tamén en O Son (no lugar de Moucho) a un cebadoiro de xatos, beneficiario das achegas que vén convocando a Xunta para promover a incorporación de mozos e mozas ao agro.

Estas achegas, segundo José González, “teñen unha gran repercusión no medio rural, xa que, a través delas, conséguese aumentar a competitividade e o rendemento global das explotacións agropecuarias mediante a súa modernización e asegurar a continuidade do tecido agrario, ao sufragarse tamén os plans de mellora e a creación de pequenas explotacións”.

Nesta liña, o conselleiro salientou que este ano se rexistrou un incremento do 27 % na porcentaxe de expedientes aprobados de incorporación de mozos. A convocatoria de 2023 destas subvencións está actualmente aberta para todos aqueles interesados. Unha convocatoria que este ano contempla un orzamento total de 38,8 millóns de euros (un 3,5 % máis que a anterior).

Así mesmo, tamén segue aberta a convocatoria de axudas extraordinarias para os produtores galegos de carne, cun orzamento de máis de 17 millóns de euros. Estas achegas buscan compensar as dificultades económicas do sector por mor do incremento dos custos de produción tras a invasión rusa de Ucraína.

08 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.