Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O municipio conta con tres rutas de sendeirismo de baixa dificultade para que todas a persoas poidan apreciar a paisaxe dubresa // Existen tres sartegos de máis de mil anos no asentamento arqueolóxico da Pedra do Home TEXTO Javier Salutregui

Unha necrópole, entre os lugares de máis interese de Val do Dubra

A menos de 25 quilómetros de Carballo e Santiago de Compostela atópase Val do Dubra, un municipio que conserva aínda na actualidade restos e vestixios de antigas fortalezas e castros que destacan a súa antigüidade.

A súa xeografía caracterízase pola unidade morfolóxica que lle dá o val. Á súa vez, a conca do val serve para organizar o territorio e definir os límites municipais. Na paisaxe dubresa destacan formacións montañosas, como o monte Castelo, cunha altitude de 569 metros, que fai de divisoria entre os concellos de Val do Dubra, Santa Comba, Tordoia e Coristanco. Cara o sur exténdense dúas sucesións montañosas: o Alto da Forca, de 530 metros de altitude, e os Montes de Boiro, de 527.

Con todo, non significa que a paisaxe sexa exclusivamente montañosa, e precisamente co propósito de por en valor a ampla variedade paisaxística de Val do Dubra, o Concello mantén na páxina web municipal tres rutas de sendeirismo, todas elas cunha lonxitude inferior aos 7 quilómetros e de baixa dificultade.

A primeira é a ruta do río Dubra, a cal comeza nunha pista de terra, preto da estrada de Bembibre a Santiago, que se desvía da estrada a man dereita, sinalizada cunha baliza. O camiño ten unha lonxitude de 6 quilómetros, con suaves subidas e baixadas logo dunha costa dun quilómetro, e gran parte discorre á beira do río, baixo o túnel vexetal de amieiros, freixos e salgueiros.

A segunda é a ruta das Carballeiras, un itinerario circular de 4 quilómetros. Iníciase en Bembibre, na área recreativa e a piscina municipal. Dende alí vólvese á estrada Santiago-Carballo, que atravesa a vila, para cruzala e desviarse rapidamente á outra beira do río Dubra. Neste sendeiro atópanse a capela de San Xoán Bautista, abandoada nos anos cincuenta e posteriormente restaurada en 2009, e a fermosa fervenza do Rexedoiro, tamén coñecida como fervenza de Ínsua. A última das rutas de sendeirismo é a do río Tambre. É a máis curta de todas, con só 3 quilómetros, e o trazado é completamente chan. O seu punto de inicio está en Portomouro, no campo da festa, e remata na área dos muíños de Rodas.

Outro lugar de interés do municipio de Val do Dubra é a igrexa de Paramos. Trátase unha construción atípica de estilo románico, con nave e ábside de planta rectangular. No seu testeiro ábrese unha xanela con varias columnas e unha ancha arquivolta axedrezada.

Por último, convén falar da Pedra do Homeo, tamén coñecida como Pedra dos Mouros, un asentamento arqueolóxico no que se atopan tres sartegos antropomorfos labrados na rocha. Sitúanse nun lugar elevado, un miradoiro natural sobre o val que forma a confluencia dos ríos Dubra e Tambre.

O asentamento presenta fortes sinais de erosión debido ao paso do tempo, á acción da choiva e ao vento. Con todo, a construción orixinal era moito maior, contando con máis de dez sartegos que foron danados por distintas accións destrutoras. Asimesmo, destacada foi, según a testemuña dos veciños da zona, a do cazatesouros Xan do Romaño, que na década dos anos cincuenta dinamitou a necrópole na procura dos tesouros que puidera albergar ese lugar.

Sobre a cronoloxía dos enterramentos non se coñece a data exacta, aínda que adoitan situarse na época altometieval, entre os séculos IV e XI. Os tres sartegos teñen un extremo redondeado no que colocar a cabeza dos mortos e un oco para o resto do corpo, e a súa lonxitude é de entre 1,40 e 1,60 metros, polo que posiblemente pertencían a persoas adultas. Ademáis, presentan a mesma orientación, cos pés cara o oriente e a cabeza cara o solpor.

23 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.