Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Unha decena de establecementos de hostalaría serven esta fin de semana e a que vén bocados co preciado peixe // Organizou unha viaxe gastronómica por España, Grecia, Letonia, Estonia e Lituania da man dos voluntarios de XacobeAndo TEXTO Ana Pérez

Valga non deixa de comer: dunha viaxe polo mundo á tapa de anguía

O nome de Valga semella estar unido á gastronomía. A XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País quece motores, e faino cunha das actividades de maior participación popular nos últimos anos: a Ruta-Concurso Tapa a Anguía, que cumpre a súa novena edición cun total de dez establecementos de hostalaría participantes. Neles sírvense dende este sábado, e durante dúas fins de semana consecutivas, tapas de anguía gratuítas coas consumicións no seguinte horario: os sábados de 12.00 a 15.00 e de 20.00 a 23.00 e os domingos de 12.00 a 15.00.

A tapa do bar Pardal é un bocado con pan bao recheo de brotes e anguía crocante con salsa ali oli de pementos de Padrón; a do Praia fluvial de Valga unha tosta con confitura de tomate, anguía, sementes de sésamo, salsa agridoce e módena; a da pastelería Carpichos un volován de follado recheo de anguía á barbacoa; a do bar Maneiro un salpicón con gambón, anguía, ovos, pemento, granada e vinagreta; a do bar Potel unha anguía frita bañada en cervexa con arroz e salsa de ovo e nata con especies; a do café bar O Pontellón un pan bao con anguía en tempura, acompañada de ensalada e maionesa; a do café bar Couceiro unha anguía en salsa verde acompañada de produtos de mar; a da cafetería Auditorio unha anguía con gornición e patacas ao forno; a de Casa Comparada unha anguía cociñada a baixa temperatura rechea de tapenade, sobre unha cama de cebola encurtida e queixo cottage; e a do café bar Alba unha anguía ao forno sobre pan de gamba e salsa de laranxa con cardamomo.

Durante esta primeira fin de semana celebrarase a parte de concurso, na que se pode votar pola mellor tapa e entrar no sorteo de 10 vales de 30 euros para gastar no comercio local. Para iso hai que reunir os selos dos dez establecementos e depositar as papeletas nas urnas habilitadas en cada un deles. Con estes votos outorgaranse tres premios a outros tantos locais: os Mandís de Ouro, Prata e Bronce.

Ademais, haberá un xurado profesional que outorgará un único premio. A que elixan como mellor tapa da ruta poderá degustarse na Festa da Anguía de 2023.

COCIÑA INTERNACIONAL. E semella que Valga non para de comer, porque este venres foi o punto de partida dunha viaxe polo continente europeo da man dos cinco mozos que, dende o mes de xullo e ata finais de agosto, desenvolven actividades de voluntariado no concello a través do programa XacobeAndo.

A gastronomía foi guiando este percorrido por cinco países europeos, dende España, pasando por Grecia, Letonia, Estonia e Lituania, descubrindo novos sabores e produtos practicamente descoñecidos para a maioría dos asistentes, unha trintena de persoas entre as que se atopaban a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, e Ruth González, coordinadora do programa de voluntariado. Acompañáronas a tenente alcaldesa, Carmen Gómez, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo.

O menú estivo composto de catro pratos salgados e un doce, comezando cunha sopa fría típica de Lituania chamada Shaltibarshchay e que ten entre os seus ingredientes cebola verde, pepino, ovo cocido, manteiga ou remolachas que lle dan un rechamante color morado.

A gastronomía letona estivo representada a través dunhas tortas de pataca denominadas Kartupeļu pankūkas e para as que tamén se emprega ovo, cebola e unha salsa a base de aneto, allo, sal e pementa.

Un dos pratos máis sorprendentes da demostración culinaria foi o de Grecia, co nome de Dolmadakia. É unha das tapas gregas por excelencia e para a súa elaboración empréganse arroz, cebola, allo e outras especias, todo envolto cunha folla da viña previamente cociñada.

Para rematar a degustación de pratos salgados, a representante española, procedente de Córdoba, elaborou tortilla de patacas, unha das receitas que mellor representa a cultura gastronómica do noso país.

Estonia foi a última parada nesta viaxe imaxinaria, deixando un sabor doce entre os comensais cunha sobremesa chamada Mannavaht, que se elabora con sémola, zume de arándano, azucre, leite e froitos vermellos. Os mozos protagonistas do showcooking contaron coa colaboración dos chefs de Indo e Vindo Gastronomía, Fran Jamardo, Coque Fariña e Rocío Garrido na preparación dos cinco pratos, cos que puxeron o seu grao de area ao Agosto Gastronómico e ás actividades da XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que dende esta fin de semana entra nos días máis álxidos.

21 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.