Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Valga puxo en valor o gran potencial gastronómico da anguía da man de tres chefs

Fran Jamardo, Rocío Garrido e Coque Fariña presentárona en escabeche de cítricos, en deconstrución de croqueta e en risotto

Universo anguía foi o nome da demostración culinaria que albergou este sábado o Centro de Interpretación da Caña do País de Valga e na que os cociñeiros de Indo e Vindo Gastronomía (Fran Jamardo, Rocío Garrido e Coque Fariña) descubriron todo o universo de posibilidades que ofrece este exquisito peixe, que se revelou como un produto versátil e adaptable a todo tipo de pratos.

Precisamente este era un dos obxectivos da actividade: transmitir as múltiples alternativas á hora de cociñar anguía, ao marxe das receitas máis tradicionais -fritida, guisada ou en empanada-.

Unha vintena de persoas asistiron ao showcooking no que, ademais de seguir paso a paso o cociñado dos chefs, puideron degustar tres pratos e un doce. Para abrir boca, unha ensalada con anguía en escabeche de cítricos e que incluía tamén, entre os seus ingredientes, leituga, laranxa ou xerminados de cebola.

A continuación serviuse aos asistentes unha deconstrución de croqueta de anguía, na que as diferentes elaboracións deste prato tradicional se presentaron por capas: un sofrito de cebola con anguía, unha bechamel lixeira, pan crocante e brotes.

Para rematar cos pratos salgados, os comensais probaron un risotto con alga códium, anguía cociñada a baixa temperatura e braseada con soprete, sal de boletus e brotes de guisante. O punto doce chegou na sobremesa cunha bica branca clásica sobre crema de licor café e con froitos vermellos confitados en caña tostada.

No evento colaboraron as empresas valguesas Bodegas Torres Augusti e Vermutería La Fabulosa, que se encargaron da maridaxe, e a artesá Mar Barral, que aportou a vaixela na que se presentaron as distintas elaboracións.

As actividades gastronómicas continúan en Valga durante os vindeiros días. O mércores celebrarase no xardín posterior do museo unha cata maridaxe para a que xa está o aforo completo, e o domingo 29 ao mediodía terá lugar o showcooking Moito máis que caña, no que se elaborarán cócteles coas diferentes variedades de augardente de Valga -branca, de herbas e tostada-.

Por certo que Anguía en salsa secreta é o nome do prato que acadou a vitoria no concurso Anguía Chef, que celebrou a súa gran final no Parque Irmáns Dios Mosquera o pasado día dezaoito.

TAPAS Esta fin de semana arrancou a VIII Ruta-Concurso Tapa a Anguía. Un evento que se desenvolverá tamén os próximos días 28 e 29 e no que participan un total de sete establecementos: Bar Pardal, Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Bar Potel, Bar Couceiro, Cafetería Auditorio e Praia Fluvial de Vilarello. Os petiscos sérvense de forma gratuíta coas consumicións. Os clientes poden votar os mellores e deste xeito entrarán no sorteo de dez vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local.

23 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.