Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Vedra converterá a estación nun centro a escala comarcal

A Deputación financia o 80 % // Intégrase na Rede Provincial de Espazos de Traballo

Boas novas para Vedra. Hai só uns meses o pleno municipal aprobaba solicitarlle á Deputación Provincial o apoio necesario para a posta en marcha do centro de emprendemento A Estación. Pedían asemade a inclusión do mesmo na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación. Onte as peticións chegaban a bo porto posto que o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, asinaban na sede da institución provincial o convenio que permitirá pór a funcionar a pleno rendemento o centro A Estación, localizado na antiga estación de Santa Cruz de Ribadulla, que pasa a integrarse na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.

O ente provincial contribuirá ao financiamento das actividades de formación, titorización, apoio e difusión de proxectos emprendendores cunha achega de 58.100 euros, o que representa unha porcentaxe de preto do 80 % do orzamento total (o Concello aporta o 20 %) de gasto, que ascende a 73.100 euros. “Este será o oitavo centro da Rede Provincial grazas ao esforzo compartido de varios concellos”, destacou Valentín González Formoso, que subliñou “a aposta que facemos desde a Deputación, creando unha gran rede de espazos de traballo colaborativo sectoriais, especializados nun determinado ámbito profesional, un modelo único no país”. Formoso incidiu asemade na importancia de que os centros “aproveiten o potencial e as particularidades propias de cada terrirorio” e ademais “fomenten sinerxias” entre emprendedoras e emprendedores dun sector determinado, trasladaban.

Transformar a estación nun centro de emprendemento é, para o Concello de Vedra, un importante medio para contribuír a favorecer o desenvolvemento socioeconómico na contorna da bisbarra do Ulla. O proxecto incide no seu empeño de reter á xuventude e atraer a novos talentos como forma de loitar contra a progresiva perda de poboación do rural a través do fomento do emprego e a dinamización do tecido empresarial nos concellos da comarca do Ulla, a difusión de coñecementos, competencias e habilidades que sexan clave á hora de emprender.

SEN DATA De momento aínda non hai unha data fixada para o arranque do centro A Estación. Agora que contan co financiamento preciso, “imos intentar ir máis alá e en vez de ser un centro de coworking local con dous ou tres autónomos, crear un centro de emprendemento municipal que sexa unha referencia comarcal”, explicou o concelleiro de Promoción Económica, José Caldelas. “Estiveron facéndose traballos de limpeza e adecuando espazos e agora pronto se abrirá o prazo de licitación para escoller a empresa ou empresas que xestionarán todo nos vindeiros meses”, indicou. Serán unha ou dúas que se encarguen de asesorar e xestionar a parte fiscal, laboral ou empresarial.

Hai que lembrar que a estación de Santa Cruz leva máis de 20 anos en desuso e ata o momento só servía como zona de carga e descarga de madeira, función á que agora se sumará a de centro de emprendemento.

07 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.