Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Verán Termal, unha oferta para reactivar o sector con calidade

A Axencia de Turismo e Balnearios asinaron en Cuntis o convenio promocional // Son 792 prazas e os prezos van desde os 335 € dez días

Os balnearios Galegos e a Axencia de Turismo de Galicia presentaron en Cuntis o programa Verán Termal, unha oferta de calidade coa que se pretende reactivar un sector moi castigado pola pandemia. En total a campaña oferta 792 prazas en balnearios con prezos que van desde os 335 euros de custe por dez días. A Asociación de Balnearios de Galicia e a Axencia de Turismo asinaron un convenio de colaboración para a promoción do turismo termal na Comunidade, a través do citado programa de estadías en balnearios, entre eles os de Cuntis e Caldas.

A presentación tivo lugar en Termas de Cuntis, coa presenza da directora da citada axencia, Nava Castro; a presidenta da asociación, Marisol Espiño; o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, que preside a seccióntermal da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP); o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o xerente de Balnearios, Benigno Amor.

O turismo termal foi un dos máis afectados polas restricións derivadas da pandemia. Ante esta situación, a Xunta, segundo explicou Nava Castro, quere apoiar ó sector para consolidar unha oferta turística de calidade, como un referente da imaxe de Galicia a nivel global e cun gran valor estratéxico na economía galega. Indicou que “desde o Goberno galego somos conscientes do gran poder tractor do termalismo para o desenvolvemento económico dos nosos territorios, especialmente grazas ao seu gran impacto desestacionalizador. Por iso seguiremos a traballar da man do sector en novas medidas coma estas que permitan seguir avanzando na mellora da competitividade turística do noso destino”.

En relación á reactivación da actividade do sector termal, a presidenta da asociación, Marisol Espiño, puxo de manifesto que “en Galicia podemos presumir de ser o destino termal líder en España, con 21 balnearios. Volvemos traballar e facémolo cumprindo todas as medidas de seguridade para procurar seguridade e saúde aos nosos clientes”, dixo ao respecto.

O programa Verán Termal vaise desenvolver en doce balnearios: na provincia da Coruña participa o de Carballo; na de Lugo, Termas Romanas, Augas Santas (Pantón) e Río Pambre (Palas de Rei); en Ourense, os de Arnoia, Laias, Gran Balneario do Carballiño e Caldas de Partovia; e na de Pontevedra, os de Acuña (Caldas de Reis), Caldelas de Tui, Mondariz e Termas de Cuntis.

17 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.