Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Festa. Percorreron as rúas da vila antes de afrontar o Asalto ó Castelo // Artesanía, xogos e obradoiros encheron de vida a praza local // Impartíronse talleres de moda e técnicas de combate medievais // Houbo tamén un Asaltiño infantil TEXTO J. Ramos

Vimianzo arengou con música e aturuxos a revolta irmandiña

Veciños e visitantes gozaron dunha intensa viaxe no tempo esta fin de semana en Vimianzo, onde, como xa sucedera no ano 1467, os Irmandiños protagonizaron un novo Asalto ao Castelo. Unha cita coa historia que este ano estreou a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Despois da noite meiga do venres no foso do castelo, onde se celebrou a XI Cea Medieval e unha loita druídica, todo elo animado cos sons musicais de Cé Orquestra Pantasma, Monoulious Dop e A Banda da Balbina, as rúas da capital de Soneira foron tomadas o sábado polas Irmandades parroquiais que foron recibidas con aturuxos e música, antes de protagonizar o gran Asalto ao Castelo, previsto para a medianoite.

Ao longo do día, a Praza do Concello de Vimianzo foi o epicentro da xornada. Acolleu a décima Feira Artesanal e múltiples propostas de lecer para pequenos e maiores. Obradoiros de globoflexia, xogos de mesa, un Torneo de Clash Royale, talleres de esgrima e de técnicas de combate medievais, un Torneo Internacional de Xadrez e obradoiros de moda medieval foron algunhas das actividades desenvolvidas.

A sesión vermú foi ambulante, e estivo protagonizada por Lilicleta. Tamén se convidou a veciños e achegados a desfrutar dun espazo artístico itinerante. Propostas múltiples e variadas para desfrutar dunha xornada de preparación para o asalto final. O primeiro intento protagonizárono os máis pequenos co xa tradicional Asaltiño. As tropas infantís concentráronse na Praza Castelao antes de emprender o ataque.

Non faltou tampouco a música. Un circuíto musical percorreu as rúas da capital vimiancesa, despois do Des-Concerto de Los Jinetes del Trópico. A Asociación Cultural Trubisquiña, as batucadas das Curandeiras-Kosoko Nasera e Rapacollón’s Big Band de Fisterra, Medio Quinhón e Licicleta espallaron as súas notas musicais por Vimianzo.

A música seguiu soando na Praza de Castelao con Teima, e na rúa Vázquez Mouzo con Sapoconcho Sem Poncho, antes de abrirse a zona de concertos. Aínda que as nubes apenas deixaron ver o sol, as rúas vimiancesas foron enchéndose co paso das horas de centos de persoas dispostas a vivir con intensidade e gozar do Asalto ó Castelo, que este ano celebrou a súa vinte e cinco edición.

Antes da gran cita coa historia estaba previsto que subise ao escenario a artista galega Sés para protagonizar o primeiro concerto da noite. Despois de derrubar a porta do castelo, a victoria celebrouse con música de Nativa, Talco e Tandub.

O Asalto ao Castelo de Vimianzo é unha singular festa que se celebra o primeiro sábado de xullo desde hai máis de dúas décadas. Unha celebración que nacía no seo dunha asociación de amigos e que pouco a pouco involucrou a toda unha vila e á comarca. Inspírase na Gran Guerra Irmandiña que comezou en 1467 en toda Galicia, momento no que o pobo se ergueu contra o poder abusivo dos señores feudais.

Trasladando estas revoltas ao presente, o Asalto ofrece un amplo abano de personaxes e situacións que, dalgún xeito, simbolizan as inxustizas do mundo moderno e mostran os problemas do mundo actual.

A representación adoita realizarse en clave de humor, surrealismo e retranca, e conta sempre coa participación activa do público. Os asistentes convértense en asaltantes e comparten escena coa persoa guerreira, meigas, defensores e todos aqueles personaxes que se crean para cada edición en historias diferentes. Estes personaxes guían aos participantes ao castelo para a toma simbólica do mesmo.

03 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.