Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
BALANCE. Máis de dezaoito mil persoas visitaron o castelo no verán // As rutas guiadas polo patrimonio local moveron a un milleiro de persoas TEXTO M. Lavandeira

Vimianzo atrae aos turistas coa arte e a historia

Vimianzo foi elixido como destino turístico por máis de 18.000 persoas durante os meses de verán. O castelo foi o emprazamento que tivo maior demanda, xa que ata alí se achegaron 18.090 persoas durante os meses de xullo, agosto e setembro para coñecer o patrimonio histórico e gozar das actividades de exaltación da artesanía galega, con obradoiros que lles permitiron facer unha peza de olería de Buño, barcos de madeira ou traballar o liño.

As visitas guiadas impulsadas desde o departamento de Turismo contaron con máis de 1.000 persoas durante os tres meses de verán, con especial fincapé no castro das Barreiras e no dolmen de Pedra Cuberta. Os sábados, ademais de obradoiros de artesanía, tamén se ofertou sendeirismo cun gran éxito de convocatoria, completando sempre os grupos co máximo de visitantes permitido pola normativa, e mesmo se estreou unha ruta nocturna.

Desde o goberno vimiancés din que o balance é “moi satisfactorio, e reflicte que Vimianzo é un dos puntos de maior relevancia de toda a Costa da Morte”, á vez que resaltan “a forte aposta pola cultura e tradición populares nun compendio de actividades que tivo o castelo como punto primordial, pero que abrangueu tamén puntos destacados como o castro das Barreiras, os Batáns ou as novas rutas dos petróglifos”.

Ademais da historia e o patrimonio, Vimianzo quere facer tamén da súa gastronomía un novo reclamo para os visitantes. Con tal fin, estes días está a presentar o seu lado máis doce no Fórum Gastronómic de Barcelona, da man da Deputación da Coruña, onde convida a degustar a Bica e as Pedras do Castelo.

19 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.