Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A décimo terceira edición dos Pinchos Irmandiños van contar coa participación de doce locais // Celébrase do 28 de xuño ó 2 de xullo cun horario amplo que abarca das doce da máña ás tres do mediodía e de sete da tarde a once da noite TEXTO M. Boo

Vimianzo presenta o seu roteiro gastronómico máis apetitoso

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, presentou este luns a XIII edición dos Pinchos Irmandiños xunto ás concelleiras Rosa Blanco e María José Pose e varios dos hostaleiros participantes neste programa. O roteiro gastronómico estará composto de doce locais e terá lugar do martes 28 de xuño ao sábado 2 de xullo, en horario mínimo de doce da mañá ás tres da tarde e de sete da tarde a once da noite.

A alcaldesa recoñeceu o labor e o esforzo dos profesionais da hostalaría nun momento moi complicado para o sector e despois de dous anos de restricións por mor da pandemia. “Quero facer un agradecemento especial a todos os hostaleiros de Vimianzo neste momento polo que pasan, e quero que saiban que sen eles a organización deste ano non sería posible. O voso traballo é un orgullo para todo o noso Concello”, asegurou.

Pola súa banda, o representante dos hostaleiros, Carlos Gómez, do Bar Celme, lembrou que “foron anos duros estes dous últimos pero intentarémolo facer o mellor posible e estou convencido de que imos sacar o traballo adiante. A variedade é extensa, doce creacións excelentes para esta edición”, sentenciou.

Os locais participantes serán o Restaurante Montevideo, co pincho Tesouros de Sabadelle; a Cervexería Risco, coa súa Torrada de Moscoso; Bodegón A Lareira ofrecerá Porco con bolas caídas de catapulta; O Petouco servirá o Torreón Irmandiño; O Agocho elaborará o Enrolado da Santa Irmandade; Panadaría Perla concursará co Niño do Castelo; restaurante A Lagoa cociñará o Companagium; Algareira condimentará o Torreón Cake; Café Celme intentará agradar cun Desexo carnal; o Café Bar A Rúa creará o Bocado do Mar de Sabadelle; Panadería Ignacio quere sorprender coas tetiñas da Condesa, mentras que o Restaurante Vía Rápida vai optar por presentar a tapa chamada O.P.C.

Este ano volverán os agasallos irmandiños para as persoas que selen a ruta completa (12 selos). A cartoliña terase que depositar en calquera dos seguintes locais: Café Bar A Rúa, Restaurante Vía Rápida e Restaurante Montevideo. E deberán ter os datos de contacto cubertos e indicar o que, na súa opinión, é o mellor pincho e o local mellor decorado.

Ademais, entre os que completen a ruta sortearase un lote de produtos Estrella Galicia en función do peso da persoa gañadora.

O precio do Pincho Irmandiño será de 2,50 euros e o Pincho Irmandiño (máis un quinto Estrella Galicia ou ben auga), será de tres euros.

REVOLTAS. Os Pinchos Irmandiños nacen en torno a outra festa con moito máis calado. Hoxe en día non se entende o Asalto ó Castelo –do sábado 25 de xuño ó domingo 3 de xullo– sen a participación dunha hostalaría implicada na celebración máis importante do Concello á que aporta creacións en forma de orixinais tapas con nomes adaptados á festa.

O Asalto, festa declarada de interese turístico de Galicia, recrea as revoltas irmandiñas que tiveron lugar no Castelo de Vimianzo no século XV, momento no que o pobo levantouse contra o abuso dos señores feudais. Trasladando estas revoltas ó presente, o Asalto ofrece un amplio abano de personaxes e situacións que dalgunha maneira simbolizan as inxustizas do mundo moderno e amosan problemas actuais.

A representación conta sempre coa participación activa do público. O espectador pasa a sentirse un irmandiño máis e vive en Vimianzo unha aventura inesquecible na que se sente protagonista.

21 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.