Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
É un dos actos presentados onte pola Fundación, que celebrará a efeméride ata o 15 de xullo de 2022 // Pódese realizar en catro idiomas: galego, español, francés e inglés // Haberá exposición itinerante e o 24 a Inchadiña Branca Vela TEXTO Sol Elvira

Visita virtual en 3D á Casa de Rosalía polo seu 50 aniversario

O 15 de xullo cúmprense 50 anos da apertura da Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón e a Fundación prepara un ano de actividades, que botaron a andar onte mesmo coa estrea da visita virtual á Casa-Museo, a primerira de Galicia que se dota dun percorrido inmersivo plurilingüe. A visita virtual, operativa na páxina web (https://rosalia.gal/), pode realizarse en galego, español, francés e inglés. A través dela calquera persoa pode visitar a Casa-Museo e a Horta de Rosalía en 3D, con información ampliada en case 40 puntos.

Pola cantidade de información que se pode atopar, é o proxecto máis ambicioso para percorrer un espazo físico. Empregáronse equipos baseados en tecnoloxía láser e de infravermellos, cos que se fixo a captura das imaxes. Tamén se empregaron ferramentas de software específicas, tanto para a construción do percorrido a partir das imaxes coma para facilitar a súa utilización. A incorporación dun menú no que se pode elixir entre 4 idiomas diferentes para a realización da visita virtual e o acceso ao seu contido é totalmente pioneira en Galicia e xorde como produto da colaboración de Orestes Comunica cunha empresa italiana especializada en desenvolvemento de software para percorridos virtuais.

Esta ferramenta foi presentada onte por dous representantes de Orestes Comunica: Pancho Tristán e Darío Janeiro, nun acto no que participaron o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; o deputado de Cultura, Xurxo Couto, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira.

A Casa da Matanza abriu ao público o 15 de xullo de 1971, pero non foi ata o ano seguinte cando sería musealizada a partir do proxecto realizado por Xosé Filgueira Valverde. É por iso que as celebracións deste 50 aniversario durarán un ano, ata xullo de 2022. O propio 15 de xullo celebrarase un acto institucional na Casa, que incluirá un recital poético, a actuación musical de Eliseu Mera e Cándido Cabaleiro e a entrega da Rosa de Galicia. E o 17 celebrarase a terceira edición do festival Abride a Fiestra, con actuacións de Uxía, Verto ou Berlai. Tamén se celebrarán as xornadas Rosalía en Camiño (do 15 ao 17 de xullo) e a Inchadiña Branca Vela -homenaxe a Rosalía das xentes do mar- o 24 de xullo, e haberá unha exposición itinerante e reformarase o auditorio da Casa-Museo.

A súa historia é a historia dun logro colectivo. Pouco despois da morte de Rosalía a Casa da Matanza fica baldeira e tras varios intentos, é mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. O Patronato, creado en 1947, acabou sendo refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Ata 1951 non se realizou a primeira restauración, segundo planos de Gómez Román. Pero foi a partir da presidencia de Sixto Seco cando en 1971, baixo a dirección de Fernández-Albalat, se puido inaugurar como Casa-Museo o 15 de xullo. Da montaxe e dirección do Museo encárgase Filgueira Valverde. Converteuse en Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades do país e da emigración.

A partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, realizada no Pedrón de Ouro de 1970, iniciouse unha campaña na que participaron centos de persoas, de xeito particular e ás veces anónimo, organizáronse colectas en moitas vilas e centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, entidades e asociacións de todo o país e colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

09 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.