Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Volve ós directos Heredeiros da Crus, que leva trinta anos escribindo o rock en galego

A emblemática banda do Barbanza anuncia o inicio da súa nova xira, que inclúe concertos en Zas, A Pobra, Boimorto e Forcarei

O grupo musical Heredeiros da Crus leva exactamente trinta anos escribindo a historia do rock en galego. Os mesmos que leva en activo. E segue a ser o grupo con máis poder de convocatoria do noso acervo cultural. Con dez álbumes no seu haber, pero tras dous anos en dique seco, a banda do Barbanza volve cargada de enerxía retomando un directo no que repasará os seus grandes éxitos cunha posta en escena espectacular.

A este feito, súmaselle que Heredeiros da Crus leva dous anos experimentando con formatos alternativos, propios do momento pandémico vivido ata agora, pero non tanto da natureza da banda.

Cun disco nas costas que apenas tivo ocasión de ser ensinado, Derretidos (2019) será o gran protagonista dos concertos da nova xira, para a que xa hai confirmados concertos nas Festas do Apóstolo de Santiago, na Guarda (9 de xullo), na Festa da Carballeira de Zas (12 de agosto), no Entroido de Verán de Redondela (20 de agosto), nas Festas das Dores de Forcarei (27 de agosto), no Festival de la Luz de Boimorto (que será do 26 ó 28 de agosto) e no festival Entrebateas da Pobra do Caramiñal (que se celebrará entre os días 2 e 3 de setembro).

Heredeiros da Crus nace na parroquia ribeirense de Castiñeiras en 1992. Logo duns primeiros ensaios nun galiñeiro de Poi, ese mesmo ano ofrece o seu primeiro concerto na mítica Festa da Dorna. En 1994 publica o seu primeiro disco, A Cuadrilla de Pepa a Loba, que marcou un antes e despois na historia do rock en galego e no que se inclúen himnos como Quero josar ou O fillo de José.

Logo de converterse nun dos grupos insgina do Xabarín Club (o mítico programa infantil da TVG), e de ofrecer concertos memorables (e normalmente polémicos) por toda Galicia e parte do estranxeiro (chegaron a actuar en Londres e Nova York), en 1996 edita o segundo disco: Está que te cajas!!, con temas emblemáticos como O teu fillo fuma porros, a melancólica A chaqueta de lana ou Frenaso no calsonsillo, unha peza na que colabora o mesmísimo Rosendo Mercado.

En 1997 publica dous traballos: Criatura e Des Minutos. O seguinte álbum publicouse dous anos despois, en 1999, baixo o título Erecsiones munisipales. Un ano despois, en 2000, Heredeiros da Crus publica o seu sexto disco, un dobre álbum gravado en directo, titulado All right Chicago, que converteu a Heredeiros na primeira banda galega en editar un disco en directo.

Na súa última etapa antes da separación da banda editarían un disco de versións baixo o nome de Recambios Tucho (2001), en 2004 publicaron o sétimo como Heredeiros da Crus: Chicarrón. En 2005, o grupo retírase dos escenarios e cada un dos heredeiros inicia o seu propio proxecto musical en solitario.

O REGRESO EN ORDES. Foron sete anos de silencio, pero non de ausencia. A súa comunidade de fans seguiu viva e latente, e clamaban a volta da banda. En 2012, cando se cumprían 20 anos do seu primeiro concerto, Heredeiros da Crus volve ós escenarios para dalo todo nun concerto irrepetible na discoteca LP45 de Ordes que batiu todas as expectativas e agotou en tres días as 3.500 entradas postas á venda.

En 2013 publican o primeiro disco de estudo despois de 9 anos) con doce temas inéditos: Jard Rock con Fe.

09 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.