Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Volven ao monte os espías máis novos para descubrir a fauna da Costa da Morte

Senda Nova quere acabar co desapego do rural // A rapazada local coñece mellor os leóns e leopardos que o porco teixo

A asociación ambiental Senda Nova quere poñer fin ao desapego polo noso rural e achegar aos nenos e nenas ao mundo natural que lles rodea, xa que “é palpable o desecoñecemento da fauna autóctona por parte da poboación en xeral, e os máis novos en particular”, afirman.

Así, engaden, “as novas tecnoloxías e outros moitos factores fan que a nosa rapazada coñeza máis o leopardo das neves que un porco teixo”. E non é unha percepción, senón que así o reflexan as avaliacións realizadas en centros de ensino. A un cuestionario no que se lles pedía aos nenos e nenas que nomeasen un animal, “máis dun 80% da rapazada nomeaba en primeiro lugar unha especie exótica”. Leóns, tigres, leopardos e elefantes foron os máis repetidos, namentres que o lobo, o primeiro na lista dos animais autóctonos, atopábase bastante afastado dos primeiros postos nas respostas dadas.

Dende Senda Nova consideran que a falta de coñecemento da fauna autóctona “é, en xeral, parte do descoñecemento do noso patrimonio e do rural”. Consideran que os mamífertos da zona, “por ofrecer indicios ben visibles no territorio e por ser animais atractivos para a nosa rapazada, poden ser unha boa ferramenta para o achegamento xeral aos nosos bosques e ao noso rural”.

Por iso, o colectivo ambiental deseñou Espías no Bosque, un programa financiado pola Deputación da Coruña, que pretende achegar e dar a coñecer os mamíferos máis representativos do rural galego.

Os destinatarios principais son rapaces e rapazas de entre oito e doce anos, principalmente das comarcas de Bergantiños de Terra de Soneira, que participarán en accións formativas nos propios centros educativos colaboradores, así como en actividades que se desenvolverán no medio natural. O programa inclúe tamén iniciativas abertas á participación xeral da poboación da zona.

A programación para os escolares inclúe charlas nas aulas, que se complementarán co reparto de material gráfico sobre diferentes especies de mamíferos autóctonos e extensas láminas visuais cos máis representativos.

Paralelamente, da man de Senda Nova desenvolveranse diversos obradoiros no medio natural. Entre eles destacan os de Pegadas e Indicios, que teñen como finalidade achegar á rapazada aos diferentes animais que viven no noso medio natural a través de proxeccións e reproducións de pegadas con moldes. Os interesados poden ampliar información sobre o programa contactando coa asociación.

26 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.