Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Volven as baleas a Caión da man do artista Ramón Trigo ca mostra ‘Leviatán’

Esculturas e pinturas de gran formato lembran un pasado que se reflexa no escudo da Laracha // Está no centro comunitario

O centro comunitario de Caión acolle desde este luns e ata o 20 de novembro a exposición Leviatán, do artista vigués Ramón Trigo, organizada grazas á colaboración entre o Concello e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte e dentro do programa Pasaporte REMA de espazos museísticos atlánticos.

A mostra foi presentada polo propio autor das esculturas, tintas, lenzos e debuxos de gran formato que a conforman. Ramón Trigo explicou que Leviatán é o resultado da súa “obsesión coas baleas” e que Caión é o lugar “idóneo” para estreala polo “entorno incomparable” do centro comunitario e a “historia sorprendente” relacionada coa caza da balea nesta vila.

Precisamente o alcalde da Laracha, José Manuel López, sentenciou que grazas a Leviatán “voltan as baleas a Caión”, lembrando que ese animal mariño “forma parte do escudo do Concello da Laracha” e que tamén tivo importancia no deseño arquitectónico do novo centro comunitario. O rexedor municipal referiuse á mostra como “unha auténtica xoia” e animou a acudir a presenciala a veciños e visitantes.

O mandatario concluíu agradecendo a colaboración do GALP tanto para acoller a exposición como para a construción do edificio que, ademais das oportunidades que xa ofrece para actividades de tipo social e cultural, tamén conforma xa o terceiro espazo museístico do mencionado termo municipal.

ESTRATEXIAS. Pola súa banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, destacou a importancia da cooperación entre os diferentes GALP, concellos e confrarías de pescadores para “fortalecer as estratexias e proxectos” como o Pasaporte REMA, e coincidiu co artista Ramón Trigo na idoneidade do lugar da mostra dados os contidos.

Evaristo Lareo e Guillermo González, presidente e xerente do GALP Costa da Morte, respectivamente, incidiron en valorar a colaboración entre administracións para levar a cabo proxectos destas características e fixeron un percorrido pola oferta cultural dos diferentes espazos adheridos á Rede REMA, con presenza en toda Galicia, Asturias e norte de Portugal.

O horario de apertura do centro comunitario de Caión para presenciar a mostra Leviatán é de luns a venres, de cinco a oito da tarde.

Por outra banda, o centro comunitario de Caión acollerá este venres a partir das seis da tarde un concerto didáctico a cargo dos músicos Fransy González e Davide Salvado. Este dúo centra a súa obra na recuperación e posta en valor da riqueza do patrimonio musical galego e en difundir os procesos creativos e de investigación que se desenvolven a través del.

COLLEITA DE PEZAS. De feito, ambos artistas levan anos realizando o laborioso traballo de colleitar pezas da música tradicional polas aldeas de Galicia e doutras comunidades autónomas.

Polas súas características, este concerto didáctico vai dirixido a todos os públicos. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade máxima coa que conta a sala.

Na organización desta iniciativa colabora co Concello a Deputación da Coruña.

comarcas@elcorreogallego.es

09 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.