Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Melchor, Gaspar e Baltasar fixeron unha recepción nos pavillóns de Bertamiráns e O Milladoiro // Este martes percorrerán varias rúas de Sigüeiro, Oroso, e entrarán en Vedra acompañados por unha comitiva integrada por trinta moteiros TEXTO Ana Pérez

Xa chegaron os Reis a Ames e na comarca de Ordes estarán o 5

Xa veñen de camiño os Magos de Oriente, e os municipios da comarca de Ordes-Arzúa prepáranse para recibilos. Outros, como Ames, xa tiveron a sorte de velos.

Así, Ames foi un dos primeiros en acoller aos monarcas cunha recepción que comezaba este martes no pavillón de Bertamiráns e seguirá o mércores no do Milladoiro (de 11.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas). Xa o xoves dende as 10.00 horas, as Súas Maxestades visitarán o rural amesán (Ameixenda, Cruxeiras, Aguapesada, Piñeiro, Covas, Tapia, Ortoño, Lens, Agrón e Bugallido). E xa pola tarde, levarán as súas cabalgatas ás rúas do Milladoiro (ás 17.00 horas dende a rúa Agriños) e ás de Bertamiráns (dende a estrada a Lapido, 19.00 horas). As súas visitas rematarán con festas, música e merendas nos dous polideportivos municipais.

O resto de concellos , tanto da comarca ordense como Vedra, agárdanos este xoves 5. Así Oroso tamén gozará dos Magos, que percorrerán varias rúas de Sigüeiro a partir das 18.00 horas (inclúe autobús gratuíto que sairá ás 15.45 horas e realizará dúas rutas polas parroquias, máis datos no teléfono 981 691 478.). Antes de que comecen a cabalgata polas travesías, os Reis Magos ofrecerán unha recepción á rapazada no pavillón de deportes, de 10.30 a 14.00 horas e de 15.00 a 17.00 horas. En Ordes estarán desde as 09.45 horas visitando o rural e xa ás 17.00 horas na capital, rematando coa recepción diante do consistorio e un concerto de A Gramola Gominola.

A Vedra chegarán en moto. Ás 17.30 horas a Estación de Tren de Santa Cruz de Ribadulla encherase de ruído grazas á participación de 30 moteiros que se encargarán de protexer e acompañar a Melchor, Gaspar e Baltasar, unha comitiva que non vai pasar desapercibida.

Touro agarda tamén impaciente a súa chegada. Xa pola mañá visitarán as distintas parroquias e pola tarde achegaranse a ver o Belén vivinte, instalado no pavillón municipal de Deportes, a partir das 17.00 horas, onde haberá actuacións musicais e de maxia para animar o festival de Reis, que organiza o Concello. Tamén está prevista unha chocolatada. Melchor, Gaspar e Baltasar repartirán agasallos e caramelos entre os nenos. A visita dos Reis coincide coa celebración durante a mañá nas rúas de Fonte Díaz da tradicional Feira do Día 5. O Concello de Touro informa de que ás 15.00 horas os autobuses farán o percorrido de regreso da feira, e recollerán ás persoas que desexen asistir ao festival. Non está previsto que os autobuses fagan o regreso ao remate da celebración da chegada dos Reis Magos, segundo avisan.

Pequenos e grandes agardan tamén en Arzúa a tradicional cabalgata, que percorrerá as seguintes rúas: Santiago, Praza de Galiza, Avenida de Lugo, Fraga do Rei, Ramón Franco, Xosé Neira Vilas, Praza de San Xoán e regresará pasando de novo polas rúas Xosé Neira Vilas e Ramón Franco para dirixirse ao Multiusos Terra do Queixo pola Padre Pardo.

En Frades as Súas Maxestades participarán nunha cabalgata polas rúas de Ponte Carreira, a partir das 16.00, e despois tomarán parte nunha gran festa de Reis no polideportivo municipal ata ás 20.00 horas. Xa en Boqueixón a casa da cultura de Camporrapado acollerá a festa de Reis a partir das 17.00. O evento arrancará coa posta en escena do conto Carapuchiña Vermella. Ás 18.30 dará comezo a tradicional recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar. No Pino, Trazo e Tordoia os Magos de Oriente teñen previsto madrugar, e por iso, visitarán as diferentes parroquias dende a mañá. En Melide a cabalgata sae ás 17.30.

04 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.