Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xan Fernández Carrera recolle nun libro a memoria mariñeira da vila de Muxía

É froito da achega colectiva de homes e mulleres que coñecen ben o mar

O escritor e investigador Xan Fernández vén de publicar o libro A pesca en Muxía, unha obra que pretende ser unha aproximación ao rico patrimonio cultural mariñeiro da vila da Barca e “contribuír ao coñecemento e conservación desa cultura que ao longo do tempo crearon numerosas xeracións de muxiáns, e que boa parte dela aínda se garda na memoria de moitos mariñeiros”, afirma.

Subliña que a vila de Muxía tivo un pasado mariñeiro desde a súa fundación, “nun espazo no que practicamente o mar era o único medio de subsistencia dos seus habitantes”. Así sucede durante centos de anos, engade, ata que a finais do pasado século o sector pesqueiro “entrou nunha fonda crise que ocasionou a redución da frota pesqueira e, como consecuencia, a eliminación de moitos postos de traballo neste sector”.

Un cambio que, segundo Fernández Carrera, pon en perigo a importante tradición mariñeira da vila. “Por iso cómpre que tanto a cidadanía como as institucións sexan conscientes deste perigo e tomen as medidas necesarias para conservar toda esta riqueza cultural forxada ao longo de tantos anos”, sinala.

Ese é tamén un dos obxectivos desta publicación, que é produto dunha achega colectiva de homes e mulleres “que coñecen profundamente o mundo do mar e que, dun xeito desinteresado, se brindaron amablemente a compartir a súa sabedoría con todos nós coa pretensión de transmitila ás vindeiras xeracións”, sinala o autor.

O libro será presentado o día 30, ás 20.00 horas, no Salón do Voluntariado de Muxía. Divídese en dous grandes apartados. Un primeiro dedicado á historia de Muxía desde a súa fundación, “probablemente, a comezos da Baixa Idade Media, a iniciativa dos monxes do mosteiro de Moraime, ata os tempos actuais”, subliña Fernández.

Na segunda parte céntrase na pesca deste porto da Costa da Morte. Ao congro, pola importancia que tivo, dedícalle un maior espazo no que explica polo miúdo todo o proceso de pesca, curado e comercialización, pero tamén describe ó detalle a pesquería doutras especies, como o abadexo, o percebe ou a lagosta.

Igualmente, dedícalle un capítulo aparte ao caladoiro do Canto, “xa que foi o momento de maior esplendor da pesca en Muxía nos anos sesenta do século vinte”, dixo.

Os últimos epígrafes están dedicados ós tipos de embarcacións e á súa evolución no porto muxián, ás artes de pesca, á marquetería mariñeira, á predición do tempo por parte dos mariñeiros e, como remate, recolle a celebración nos últimos anos da Festa do Mercado das Rutas do Mar.

24 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.