Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xornada astronómica e ruta guiada no Pico Sacro

Boqueixón acollerá en setembro unha xornada de observación da Lúa crecente e un roteiro guiado pola contorna do Pico Sacro.

A primeira cita, o sábado 3 de setembro ás 21.30 horas, será para os amantes da astronomía. Na cima do Pico Sacro poderanse observar a Lúa crecente, Xúpiter, Saturno e estrelas dobres. A xornada estará guiada polos integrantes do equipo do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago (USC).

Trátase dunha actividade gratuíta organizada polo Departamento de Educación e Cultura do Concello de Boqueixón, en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller e Turismo de Galicia (dentro do programa O Camiño das Estrelas. As estrelas do Camiño, O teu Xacobeo). As persoas interesadas en participar deben anotarse no departamento de Cultura, no 981 513 115.

Para o día seguinte, o domingo 4 de setembro, o Concello de Boqueixón ten planeada unha ruta guiada gratuíta, Unha volta ao Pico, pola contorna do Pico Sacro. A saída está prevista para as 09.30 horas dende a igrexa de Santa María de Lestedo. As persoas que participen terán ocasión de visitar o Pico Sacro, o antigo cemiterio de Lestedo e a igrexa da Granxa. O itinerario rematará no campo da feira de Lestedo e terá unha duración aproximada de tres horas. Para máis información pódese chamar ao número 981 513 061.

BENESTAR ANIMAL. Por certo, que a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias en lexislación de benestar animal.

O obradoiro terá lugar os días 3 e 17 de setembro, así como o 1 de outubro, no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, en Boqueixón. O horario do curso será tanto de mañá, dende as 09.00 ata as 14.00 horas, como de tarde, dende as 16.00 ata as 21.00 horas.

O programa do obradoiro contén tanto nocións teóricas, que se darán durante os tres días da acción formativa, como prácticas, impartidas na tarde do un de outubro. O bloque práctico inclúe unha visita ás instalacións de As Regas S.A.T. e a unha explotación do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude antes de finalizar o curso cun exame. Pretende formar sobre a lexislación de benestar animal, a nivel europeo, nacional e galego.

30 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.