Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Sector en auxe. O vicepresidente da AGA anima ós concellos a crear áreas para estes vehículos // Esta fin de semana inaugúrase a de Vimianzo cunha concentración que xuntará a 150 persoas // Prevén que deixará na zona 12.000 € TEXTO J. M. Ramos

Xosé Anxo Cid: “O turismo de autocaravanas xera riqueza”

A Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) converterá Vimianzo esta fin de semana (do 14 ao 17 de maio) na capital do autocaravanismo, con motivo da concentración que xuntará a máis de 150 persoas e coa que darán por inaugurada oficialmente a área habilitada para este tipo de vehículos na capital de Soneira.

O vicepresidente da AGA, Xosé Anxo Cid, asegura que é a asociación máis grande de España, con máis de 1.000 socios na actualidade (algún deles de fóra de Galicia), e agradece “a involucración que están a amosar os concellos co noso sector”. Insta a aqueles municipios que aínda non dispoñen de áreas para autocaravanas a que as habiliten “porque esta é unha modalidade turística que contribúe a xerar riqueza e a dinamizar os territorios”. A este respecto, sinala que “no caso da concentración de Vimianzo calculamos que pode deixar no municipio máis de 12.000 euros”.

O autocaravanismo é un sector en auxe, “e comezou a medrar máis a raíz da pandemia, pois esta é unha forma de facer turismo que che aporta liberdade”, engade Cid.

A mellor proba dese crecemento é que “actualmente hai listas de espera de ata un ano se vas mercar unha autocaravana, e tamén escasea o mercado de segunda man”, sinala.

A modalidade do alugueiro tamén está experimentando un auxe, pero “maioritariamente a xente opta por mercar; o de alugar é unha forma de empezar para probar e ver se realmente che gusta, pois hai que ter en conta que mercar unha autocaravana require dun investimento duns 65.000 euros”, afirma.

A Asociación Galega de Autocaravanas organiza ao longo do ano diversas rutas ás que invitan tamén a asociados doutros colectivos. Unha das últimas foi un roteiro ecolóxico de Castro Caldelas a Verín, que incluíu unha parada nunha adega de Arbo que conta cunha área propia para autocaravanistas.

Polo que respecta á concentración programada en Vimianzo, comezará o sábado, día 14, cunha recepción aos participantes na casa da cultura ás 10.30 horas, co posterior desprazamento á parroquia de Cereixo para a celebración dunha comida campestre na nova praza. Ás 18.00 horas darán un paseo guiado polo porto de Cereixo, un núcleo de poboación moi antigo, que xa aparece nomeado en documentos medievais do rei Afonso VIII de León e Galicia. As persoas asistentes terán a posibilidade de desfrutar do seu patrimonio artístico civil, as torres de Cereixo, un dos cabazos máis grandes da Costa da Morte e o muíño de mareas, e tamén do relixioso, coa igrexa románica do século XII e a representación da Traslatio Beati Iacobi na súa porta.

Xa o domingo está proxectada unha ruta polos Penedos de Pasarela e Traba, que comezará ás 10.00 horas. Declarado como Paisaxe Protexida en 2009 polo seu interese xeolóxico e xeomórfico, é un museo ao aire libre con esculturas graníticas esculpidas polo vento ao longo do tempo. Ás 14.00 horas terá lugar un xantar e ás 16.30 horas, unha visita guiada ao Castelo de Vimianzo en grupos de 25 persoas.

Ás 17.00 horas conmemorarán as Letras Galegas na Praza do Concello, con actividades para que gocen as crianzas nun día especial. Para o luns 16 de maio, o día no que Tanxugueiras tocará na localidade, está prevista unha ruta polos segredos do Val de Vimianzo, cuxo inicio será ás 10.00 horas. Unha andaina circular que permitirá descubrir os sorprendentes tesouros que se agochan neste lugar e gozar das fermosas fervenzas do río Cambeda. Ás 14.30 horas haberá un pícnic no merendeiro do Mosquetín, e tamén unha visita guiada a estes bens.

12 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.