Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 24 enero 2022
13:37
h

O TSXG autoriza prorrogar a esixencia de passcovid e a prohibición de reunirse as fins de semana de 3 a 6

A Xunta achegou un informe da Policía Autonómica no que se di que a restrición nocturna “facilitou” as inspeccións

SANTIAGO. EP. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda Galicia, ata o próximo 29 de xaneiro, a prohibición de reunións entre non convivientes entre as 3 e as 6 da madrugada dos venres, sábados, domingos e festivos, é dicir, nas saídas nocturnas dos xoves, venres, sábados e vésperas de festivos.

O alto tribunal, de acordo co informe favorable de Fiscalía, tamén autorizou ao Goberno galego a prorrogar a esixencia de presentar o certificado covid-19 de vacinación, de proba diagnóstica negativa ou de recuperación para acceder á hostalaría, lecer nocturno, hospitais, residencias, ximnasios e albergues turísticos. Segundo informa o TSXG, os maxistrados explican na resolución que as medidas teñen como propósito "defender a saúde pública, malograda pola pandemia", así como conter a expansión do virus.

Logo de estudar os dous informes presentados pola Xunta, "certamente mellor fundados que os que se analizaron no auto do 30 de decembro", aseguran que é "evidente" a necesidade de persistir nas medidas que se orientan a reducir a interacción social, que contribúe á expansión do virus, especialmente nos ámbitos e sectores aos que se refiren as ordes. A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG destaca no auto, notificado este venres, os "efectos favorables" que ten a esixencia de presentar "calquera do tres certificados covid-19 --vacinación, recuperación ou proba diagnóstica--", entre eles os beneficios indirectos para a poboación máis resistente a vacinarse".

Os xuíces tamén sinalan que durante as fins de semana "a afluencia de persoas nos espazos públicos e privados faise máis intensa", polo que consideran que a medida de limitar as reunións entre as 3 e as 6 da madrugada é "proporcional". Ademais, sinalan que, tal e como reflicte o informe do comisario xefe da Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, achegado pola Xunta, a restrición da mobilidade nocturna "facilitou as inspeccións policiais de establecementos e locais para verificar que se cumprían os horarios e permanencia de persoas".

INFORME DE DATOS. tribunal tamén reflicte na resolución os datos sobre a situación epidemiolóxica de Galicia incluídos no informe, de data 11 de xaneiro, elaborado pola subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía. A taxa de incidencia a sete días na comunidade autónoma, segundo o documento, é de 1.016,54 casos por 100.000 habitantes, con diferentes cifras segundo os sectores de idade. As taxas de hospitalizados nunha semana, e tamén respecto de 100.000 habitantes, son de 11,70 en unidades de agudos; e de 0,93, nas de críticos, o que supón, segundo sinala o TSXG, "unha redución respecto de datas anteriores. Ademais, tamén descenderon as defuncións, o que atopa a súa razón de ser "nas medidas adoptadas, entre as cales é relevante a efectividade da vacina".

14 ene 2022 / 18:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.