VI GALA DO DEPORTE

Borja Golán: “Sen sufrimento os momentos de felicidade non serían tan intensos”

Borja Golán

Borja Golán / ECG

Borja Golán (1983, Santiago), considerado o mellor xogador español da historia do squash, recibiu o pasado luns o Premio Honorífico á Traxectoria Deportiva nos VI Premios Deporte Santiago, tras anunciar en maio do 2023 a súa retirada das pistas de xogo tras dúas décadas competindo ao máximo nivel. A día de hoxe, é profesor da mesma disciplina na Golán Squash Academy, na que recibe a grandes promesas procedentes de todas partes do mundo.

O seu currículo é máis que envidiable e moi difícil de resumir, pero hai unha serie de datos que reflexan á perfección a grandeza da súa figura. Ao longo da súa carreira, na que se contan 20 tempadas, Borja disputou 548 partidos, dos que gañou 357 (o 65,15%). Xogou un total de 43 finais en competicións da Professional Squash Association (PSA), alzando en 32 ocasións o título. Ademais, situouse entre o top 20 mundial durante máis de nove anos, foi o primeiro xogador de fala hispana en entrar no top 10 (onde estivo durante 27 meses) por setembro do 2009, e mesmo chegou a ser o número 5 en abril do 2014.

E isto último non foi sinxelo, pois nese primeiro salto ao top 10 chegou unha das peores novas posibles para un deportista: unha rotura de ligamento cruzado. Con ela e o consecuente repouso que o ausentou da competición, Borja caeu ata a 106ª plaza do ranking en apenas oito meses. “Pasei sete días agardando para saber quen me iba operar, cando o faría, os prazos da recuperación... Ao sabelo centreime niso comecei a motivarme coa recuperación. Ao final un deportista necesita obxectivos e cando sabes que algo vai por prazos esfórzaste e pensas en cumprilos”, dicía o propio Golán sobre aquela lesión. E o certo é que cumpriu co dito, pois non só volveu ao seu mellor nivel, senón que o superou para colarse nese top 5 mundial cinco anos despois de entrar no top 10.

Individualmente, algúns dos torneos que máis contribuiron a acadar as anteriores clasificacións foron os seguintes: O Aberto de Hong Kong de 2013, no que foi finalista; A mesma competición no 2014, o Aberto de Qatar de 2013 e o Aberto de Windy City – Chicago de 2017, nos que foi semifinalista; E os Campionatos do Mundo e outros torneos Súper Series, nos que quedou cuarto finalista dúas e catro veces respectivamente. Tamén foi subcampión do Aberto de Kuwait de 2013 (50k).

O seu debut en torneos PSA producíuse en maio do 2002, cando disputou o Aberto de MegaItalia (6k) en Brescia, aínda que o seu primeiro título nestas competicións chegaría en 2006 co Aberto CAS International celebrado en Islamabad (Pakistán). E este foi só o primeiro de catorce éxitos en torneos PSA, pois despois do título pakistaní chegaron os seguintes: Aberto de Sporta, Guatemala, en 2016; Aberto de Montreal, Canadá, en 2013 e 2018; Aberto de Manitoba, Canadá, en 2012 e 2008; Aberto de Santiago en 2008 e 2011; Aberto Motor City Open de Detroit EEUU en 2009; Aberto de Dayton EEUU, en 2013; Aberto de CCI International en Bombay, India, en 2015; Aberto de Windy City en Chicago, EEUU, en 2012; Aberto de España en Tenerife en 2008; e Aberto de Bogotá, Colombia, en 2007.

Estes son os trofeos máis grandes que obtivo pola súa conta Borja Golán, pero o seu papel na selección española tampouco foi menor. Nela é toda unha lenda, pois participou en 21 campionatos europeos de forma consecutiva dende 1999. Representando a España, individualmente tamén foi campión de Europa en dúas ocasións: no 2016 en Praga (República Checa) e no 2018 en Graz (Austria), sumando ademais catro subcampionatos. Nos logros colectivos por países, participou en 2019 no subcampionato de Birmingham (Reino Unido) e no bronce de 2018 en Wroclaw (Polonia).

Estes serían os principais logros de Golán na súa carreira, pero para l hai moitos máis momentos especiais, coma admitiu nunha entrevista concedida a EL CORREO GALLEGO tralo anuncio da súa retirada. Entre eles, destacaba “a primeira vez que ganei un campionato de España, sub 10, en Oviedo” ou “cando xoguei na casa un torneo internacional, en Área Central, diante da miña xente. O primeiro ano lesioneime no primeiro partido, iba de número un e foi duro. Un ano ou dous despois volvín, e poder gañalo diante da túa xente quizais é un dos momentos máis felices da miña carrera”.

UNHA INTERVENCIÓN PARA O RECORDO.

Borja Golán foi o último premiado da gala en recoller o seu premio, deixando unha intervención que non será olvidada polos asistentes. Comezou, como é habitual, polos agradecementos: “Quero agradecer ao Concello de Santiago por este recoñecemento, unha cidade que sempre levei con moito orgullo alá por onde iba. Agradecer a miña familia, ó meu club, adestradores, compañeiros, institucións e patrocinadores polo seu continuo apoio todos estes anos, sen eles non tería conseguido nada disto”, declaraba a estrela do squash.

Como deportista con miles de recordos na súa carreira, Golán asegurou que o seu maior logro é o seguinte: “Eu digo que son as experiencias que me brindou o deporte. Non só as boas, senón tamén as negativas. Sen derrotas, sufrimento e algunha que outra lágrima os momentos de felicidade non serían tan intensos. E esos momentos de felicidade plena merecen todos os nosos esforzos”.

Antes de dar paso á intervención da alcaldesa Goretti Sanmartín, coa que se pechou a gala, Borja Golán mandou un sabio mensaxe a sociedade e deu uns últimos agradecementos: “O deporte é fundamental para crear unha sociedade forte, honesta e feliz. Así que grazas a todos os que fan isto posible, por promover o deporte e por facernos un pouquiño máis felices”.

LE AQUÍ O ESPECIAL VI GALA DO DEPORTE CONCELLO DE SANTIAGO 2024

LE AQUÍ O ESPECIAL VI GALA DO DEPORTE CONCELLO DE SANTIAGO 2024

LE AQUÍ O ESPECIAL VI GALA DO DEPORTE CONCELLO DE SANTIAGO 2024