Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ÉXITO. Gran nivel competitivo e exhibicións de talla mundial no Xacobeo de Ximnasia Rítmica-I Torneo Internacional Viravolta-Jael e II Gala Internacional, en Sar TEXTO: Rosa Cano

A fin de semana Santiago foi a capital da ximnasia

A gran cita ximnástica galega celebrouse a pasada fin de semana en Santiago con dúas xornadas de competición e unha gala con grandes figuras da rítmica mundial, onde a ex ximnasta Carolina Rodríguez e o actor Antonio Garrido presentaron a gala. O recadado serve para financiar os proxectos de ASANOG

Medio milleiro de atletas de toda España e Portugal competiron na pasada fin de semana sobre o tapiz do Multiusos de Sar, reunidas no Xacobeo de Ximnasia Rítmica I Torneo Internacional Viravolta-Jael e II Gala Internacional de Ximnasia Rítmica. Organizado polo Club Viravolta, o campionato volveu ter como complemento estelar unha gala fóra de concurso na que participaron algunhas das deportistas máis destacadas desta modalidade a nivel mundial. Longines e Jael Joyería, xunto co Xacobeo 21-22 foron os patrocinadores principais da cita, que contou co apoio da Xunta de Galicia, a través de Deporte Galego, o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña; e coa certificación competitiva das federacións Galega e Española.

O apartado competitivo celebrouse nas mañás do sábado e do domingo. Nel participaron clubs de toda España e de Portugal, en niveis que van do benxamín ao sénior, en todos os aparatos e disciplinas desta modalidade deportiva. Máis abaixo poden consultarse os resultados.

Ximnastas de primeiro nivel de toda Europa participaron na tarde-noite do sábado na Gala Internacional. Entre as figuras que protagonizaron a exhibición estiveron Annaliese Dragan (Romania), Noga Block (Israel), Daniella Munits (Israel), Michelle Munits (Israel), Panagiota Lytra (Grecia), Eleonora Tagliabue (Italia), Giorgia Galli (Italia), Ekaterina Vedeneeva (Eslovenia) e a ucraína Polina Karina. En canto á participación española, destacan Natalia García, Gerard López, o Conxunto Sénior RFEG, Alba Bautista, Polina Berezina, Teresa Gorospe, Cristina Korniychuk, Lucía González, Sofía Kharytonchuk, Sol Martínez e Paula Serrano; e as galegas Candela Martínez Bobo, Lúa Pajares e Felipe Meijueiro (Galicia). A ex ximnasta olímpica Carolina Rodríguez e o actor Antonio Garrido presentaron o evento, que foi seguido por máis dun milleiro de persoas na grada. Asistiron nesa xornada o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e Marcos Rodríguez, quen, en representación do Xacobeo 21-22, acompañou a Tachi e Chema Fernández, de Jael Joyería, na entrega duns agasallos ás ximnastas participantes na exhibición.

Cabe destacar o exercicio especial que protagonizaron, para pechar a gala, as integrantes da Selección Española. Coa música de Meu Camiño, de Juan Antonio Simarro, realizaron un exercicio en homenaxe ao Camiño de Santiago.

Tamén foi moi emotiva a actuación de Carolina Rodríguez, que volveu ao tapiz para compartilo coas integrantes do Club Viravolta.

Na organización do torneo colaboraron desinteresadamente numerosas empresas e entidades galegas e esta edición tivo de novo unha vertente solidaria, posto que parte da recadación se destinará a financiar programas de apoio a nenos diagnosticados de cancro e as súas familias a través da ONG ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia).

28 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.