Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A USC tece redes coa súa contorna a través do deporte

Contactou cun cento de clubs // A ampliación da oferta de servizos e disciplinas para estudantes de Lugo e Santiago é un dos obxectivos

A Universidade de Santiago (USC) está a intensificar a súa relación coas distintas entidades deportivas galegas co dobre obxectivo de tecer novas redes, cando non fortalecer as xa existentes, coa súa contorna, ademais de para fomentar hábitos de vida saudables entre o estudantado e demais membros dos campus de Lugo e de Santiago, a través da ampliación da oferta de disciplinas deportivas e mediante a habilitación de mecanismos e recursos que posibiliten desenvolver e compatibilizar a traxectoria deportiva e a académica.

Fortalecer a presenza da USC nos distintos ámbitos locais e comarcais a través da participación do seu estudantado nos seus respectivos clubs e equipos de competición constitúe outra das premisas que persigue a nova estratexia deportiva da USC, unha liña de traballo que botou a andar coa celebración de diversas xuntanzas de traballo nos campus de Lugo e de Santiago, nas que tomaron parte preto dun centenar de representantes de entidades deportivas, desde clubs de base ata equipos de alto nivel que militan en categorías de máxima competición autonómica, estatal e mesmo internacional.

Os contactos establecidos permitiron constatar o interese de máis de 70 entidades deportivas representativas das comarcas de Lugo e Compostela por estreitar a súa relación coa USC, segundo confirma o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, quen tamén avanzou a intención seguir a ampliar as vías de colaboración con equipos e clubs deportivos doutras áreas de influencia directa da USC, tales como son toda a provincia de Lugo, así como outras áreas da provincia da Coruña ou, entre outras, as comarcas do Barbanza e o Deza.

A pegada da USC na esfera deportiva é significativa, segundo se desprende dos datos achegados polas entidades contactadas, un amplo abano de clubs e sociedades deportivas que abranguen disciplinas diversas desde fútbol, baloncesto, voleibol, natación, remo, tríatlon, fútbol sala, orientación, ximnasia, squash, tenis de mesa, loita, judo, péntatlon, hóckey liña, piragüismo, hóckey a patíns, breaking, atletismo, loita olímpica ou ciclismo, entre outras.

DEZ MIL LICENZAS. Estas entidades, que todas elas contan con equipos ou con competidores individuais, contabilizaron a pasada tempada máis de 10.500 licenzas federativas. Ademais, engadiu Javier Rico, máis da metade dos clubs teñen entre os seus deportistas estudantes da USC, mentres que outro número significativo de entidades contan tamén como directivos ou adestradores a alumnado e persoal da institución académica. universataria da capital galega

“Desde a USC queremos optimizar esta fonda ligazón co mundo do deporte, a fin de poder favorecer os hábitos de vida saudables entre os universitarios e tamén para ampliar a oferta de alternativas de prácticas deportivas a toda a comunidade universitaria”, di Javier Rico, que se fixa como reto que a USC poida ofrecer a calquera estudante a posibilidade de continuar coa actividade deportiva que practicaba antes de converterse en universitario e achegar a posibilidade de iniciarse nela a quen non o facía antes.

LIÑAS DE COLABORACIÓN. As posibles liñas de colaboración abordadas entre a USC e as distintas entidades deportivas son múltiples, segundo se puxeron de manifesto nas reunións celebradas a comezos de setembro en Santiago e Lugo e nas que, entre outros tamén participaron o reitor, Antonio López; e o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga.

Así, algunhas das posibles liñas de colaboración abertas entre a USC e as entidades deportivas abranguen medidas para compatibilizar a vida académica e deportiva, accións de voluntariado, captación de estudantes erasmus, realización de prácticas, cesión de espazos e instalacións, dispensas de asistencia a clase, apoio psicolóxico, titorías de estudos, promoción das actividades das entidades deportivas nos campus universitarios, participación da USC en actos institucionais, captación e formación de árbitros, organización de relatorios e sesións formativas, ou prazas de aloxamento no Servizo Universitario de Residencias, entre outras.

16 sep 2022 / 23:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito