Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Beleza e duro perfil no ‘Gran Camiño’ de Bertamiráns a Ézaro

Coñécense xa as rutas e os horarios previstos na segunda etapa da rolda, o día 25 de febreiro

A organización da volta ciclista O Gran Camiño fixo públicas as rutas e os horarios previstos das súas catro etapas, do 24 ao 27 de febreiro. A segunda xornada, con saída en Bertamiráns e final no mirador do Ézaro, arrincará dende a rúa Alcalde Lorenzo o venres 25 de febreiro ás 10.30 horas. Despois, pasará polo Milladoiro, volverá a Bertamiráns pola estrada vella a Santiago e collerá dirección Muxía, pasando por Ames, Lens e Ponte Maceira (un lugar que aspira a facerse famoso pola súa beleza).

Os ciclistas chegarán ao Ézaro entre as 14.40 e as 15.20. Será a hora da verdade nas durísimas rampas de Ézaro: pendente media do 14,75%, con cotas que chegan ao 28%. Un desnivel total de 263 metros en apenas 1,78 quilómetros. O gran reto para os mellores ciclistas.

Dende Bertamiráns, a proba pasará polo concello de Teo (Casalonga) para atravesar a avenida Rosalía de Castro do Milladoiro (10.40). Tocará a parte sur de Santiago e volverá a Bertamiráns (11.00 horas) subindo pola avenida da Peregrina para dirixirse a Ponte Maceira pola estrada en dirección a Ames, deixando atrás Augapesada e Quintáns, co porto de montaña de terceira (3.9 km) con remate preto de Lens.

Na Ponte Maceira, os ciclistas cruzarán a ponte vella entre Ames e Negreira entre as 11.20 e as 11.30. A carreira pasará por Negreira, A Baña e Santa Comba (meta volante), cara a Coristanco. En Carballo, o segundo esprín; e despois irá a Ponteceso e Laxe e a Muxía, chegando ata o santuario da Virxe da Barca e virando cara a Cee (terceira meta volante).

Nos doce últimos quilómetros os ciclistas deberán subir o alto da Ameixenda (3.ª) antes de chocar contra o muro do Ézaro, xa clásico no ciclismo pola proba Gran Fondo Ézaro e onde no 2020 Roglic gañou a contra o reloxo individual da Vuelta a España.

Etapa de 177,6 quilómetros cun desnivel total de máis de 3.200 metros nas pernas.

18 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.