Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Carta aberta á Fegaba

    Prezado Presidente:

    Diríxome a vostede como o maior representante da FEGABA e quen ten a decisión, xunto cos seus colaboradores/as, de poñer rumbo ao noso querido deporte nos vindeiros meses. De todos é sabido a importancia de facer deporte, e máis tras tantos meses de confinamento. Pero tampouco a ninguén se lle escapa que estamos ante unha pandemia que se segue cobrando vidas a diario.

    Nestas últimas semanas está aberto o debate. Estamos lendo e escoitando, tanto nas redes sociais, medios de comunicación, coma dentro dos distintos clubs, a idoneidade de comezar as competicións a nivel autonómico ou aprazalas ate que a situación estea máis controlada e haxa maior seguridade sanitaria. Polo oído e lido entre pais/nais, xogadores/as, adestradores/as,... parece que hai unha gran maioría de persoas que se inclinan (entre os que me inclúo) por comezar só polos adestramentos sen contacto, a pesar que dende a Secretaría Xeral para o Deporte abra a posibilidade de empezar xa con contacto e con máscara.

    Polos últimos comunicados emitidos, a sensación é que dende a federación a idea sería comezar canto antes coas competicións. Dende a miña posición de docente de Ed. Física e como adestrador, en tan só unha semana de clase e adestramentos, chegoume para darme conta que o uso da máscara para facer deporte ten moitos inconvenientes e riscos. Rompen, caen, son incómodas, o esgotamento aparece de inmediato e dan unha falsa sensación de seguridade (din os expertos/as que ao mollarse perde todos os seus efectos preventivos). Tamén corremos un grave risco de lesións, xa que, tras moito tempo sen adestrar coa intensidade de competición, non haberá tempo suficiente para que os corpos volvan a coller o ton e fortaleza axeitados; e todos/as sabemos que unha vez que soa o asubío os xogadores/as nin se reservan nin xogan ao 50 %; se non xa non sería deporte de competición.

    Ante un inminente inicio de competicións os clubs someteríanse a unha gran presión ao ter que decidir se sacar ou non aos equipos a competir, e asumir a responsabilidade. Cada club ten as súas peculiaridades pero podemos atoparnos con competicións con moi poucos equipos, partidos aprazados continuamente e o peor de todo, xogar con medo e preocupación constante ao non asegurar ninguén que no equipo contrario e mesmo no teu non haxa un positivo asintomático.

    Os pais/nais, xogadores/as, directivos/as, árbitros/as, adestradores/as terán que decidir se se arriscan a xogar, se só adestrarían pero non xogarían, directamente non xogar nin adestrar, se arbitran só competicións locais, todas ou ningunha. Aos séniores cos seus traballos, quen lle cubriría a baixa se teñen que deixar de traballar por ter que poñerse en corentena ante un contacto directo e xa non digamos se por desgraza collemos o “bicho”. Onde nos levaría o problema de saúde propio e dos nosos familiares.

    Escribo estas letras co ánimo de sumar e facer reflexionar aos organismos competentes como o que vostede dirixe para que animen aos equipos a adestrar sen contacto, dun xeito máis controlado, con menor intensidade e na medida das posibilidades de cada club. A meirande parte dependen de pavillóns de colexios e/ou municipais que teñen os seus propios protocolos e prioridades.

    Por todo isto que expoño penso que o mellor sería que se apracen os inicios das competicións ate que a situación sexa segura para todos/as. Cando haxa mecanismos de control asumibles polos clubs ou federacións, que garantan poder competir a todos os equipos nas mesmas condicións, poderase empezar a planear as competicións. E se só poden ser un meses benvidos serán.

    Non me podo esquecer dos intereses económicos que hai en xogo. Hai moita xente que vive disto. Moitos/as pensamos que ao igual que apuntas a un fillo/a a actividades como inglés ou música, tamén se poden apuntar a adestrar pagando a cota correspondente aínda que non se compita. Por outra banda os gobernos terán que artellar axudas para este sector como o están a facer con outros igual de lícitos.

    Finalmente despídome e póñome a súa disposición para colaborar no que precise polo ben do noso Baloncesto, como seguro leva vostede traballando arreo todos estes meses para que poidamos volver ás canchas.

    30 sep 2020 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.