Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
PLENO AO 15 DO COMPOS / O SOÑO DUNHA SEAREIRA A tempada 1994-95 foi de emocións fortes para a afección da SD, por fin de Primeira // A chegada dos ‘grandes’, Madrid e Barça, levantou unha gran expectación na cidade // Pero ambos acabaron sufrindo moito en San Lázaro TEXTO Silvia Castiñeiras

Compos da miña vida

Permítome imitar aquela famosa expresión , “Iniesta de mi vida”, que soltaba José Antonio Camacho durante a retransmisión daquel famoso gol que o xogador azulgrana marcaba no Mundial. E é que nada resume mellor o meu sentimento cara o club da miña cidade que algo tan descritivo, espontáneo e emocional como un “Compostela da miña vida!”. Si, porque a miña existencia estivo dende sempre marcada polo fútbol, por tradición e devoción familiar, e máis concretamente por unhas cores, pola mesma razón. Foron precisamente esas cores azul e branca as que exerceron como nexo de unión nunha casa do máis futboleira e variada. O meu pai foi durante a súa vida fiel seguidor do Atlético de Madrid nunha época na que aínda non estaba tan de moda ser do Atleti; os meus dous irmáns son acérrimos do Real Madrid; a miña nai, que xa era a máis branquiazul de todos, foise tamén facendo algo culé ao longo dos anos, e eu suspiraba polo SuperDepor, a pesar de que non era o máis normal para unha santiaguesa. Pero se nalgo coincidíamos todos era no noso amor ao Compos, sen saber por aqueles tempos que un de nós acabaría aportando algo nas súas filas.

Así as cousas, a historia da miña vida coa Esedé xa empezara antes da súa chegada á máxima categoría do fútbol español. O seu sorprendente ascenso colleume en plena adolescencia, a punto de cumprir os 14 anos. Recordo perfectamente cando me viñeron recoller ao colexio no medio dunha mañá para marchar a Oviedo, onde o noso equipo se xogaba o ceo contra o Raio Vallecano no Carlos Tartiere. Aquel día xa tiña sabor a festa. Algo estaba tinguindo de maxia aquela xornada dende primeiras horas, tanto que ata sacar aos nenos do cole estaba permitido, ou alomenos no meu. En Roxos xa se respiraba moito aire compostelanista entre alumnos e mestres. Foi así como acompañei no coche particular dos meus tíos a aquela caravana de autobuses en peregrinación a Asturias, nos que viaxaban moreas de persoas coñecidas, incluídos os meus propios irmáns. Foi un camiño certamente inesquecible, o de ida e o de volta.

O que alí se viviu antóllaseme difícil de narrar. Non sei como o tería feito se por aquel entón xa fora xornalista, pero practicamente era unha nena. O que sei é que alí, en terra irmá, comezou todo de novo, foi un punto e aparte na traxectoria deportiva dunha cidade. Empezou unha ilusión nunca vista en Santiago, chegou un agasallo con catro marabillosas tempadas de marxe para ir quitando o envoltorio coidadosamente e vivindo cada paso coma inocentes cativos. O Compos en Primeira foi o título dunha serie irrepetible, era como estar nunha burbulla, pero sen medo a que rompera porque non había nada que romper e sí moito que desfrutar. Creo que así o fixemos, absolutamente todo o compostelanismo.

A aventura acadou tal magnitude que para comezar a vivila o Concello facilitoulle á xuventude un carné de abonado. Foi o primeiro que tiven dunha longa lista ata día de hoxe. Tiña marcados uns números que che ían furando cunhas estreliñas na entrada do estadio en cada partido. Eu estaba sentada no Fondo Norte, no medio de varias e ruidosas peñas que saudaban ao outro lado con aquelo de “Ola Fondo Sur”, e como soaba aquel recinto! Ía camuflada con pinturas na cara e con pandeireta en man (para aporreala máis que nada) disposta a entoar a toda voz aqueles cánticos que dicían “Pelotas é un estado que hai no Brasil, Fabiano que é brasileiro baila en pelotas no mes de abril”, “Iru, Iru!”, e demais dedicatorias pensadas para cada un dos xogadores. Moitas veces, falando daquelo, aínda se menciona que nin en Primeira se completaba o aforo con asiduidade, pero iso de se se notaba algún oco baleiro non quedou na miña cabeza. Eu só recordo un ambiente espectacular, aquel botar de toda a bancada, e aquela sensación de que a vida, o estado de ánimo o luns pegados ao xornal no instituto, dependía directamente do que pasara o domingo en San Lázaro.

Eramos moitos entón, pero tamén moitos eramos os mesmos de sempre, os do Compos de Santa Isabel. Tan bonito era ir ao partido da nosa SD en Primeira División como vernos saír en riadas todos dignos encamiñándonos cara os coches ou polas corredoiras que conectaban co barrio, despois de ter desputado unha xornada máis entre os mellores por primeira vez na historia. E é que alí estabamos, facendo historia en paralelo co club, aupando ao Compos para seguir soñando xuntos.

Certo é que naquela primeira tempada deixábase notar, e moito, a chegada dos grandes. Ver ao equipo do Barça ou Real Madrid, entre outros, pisar a cidade do Apóstolo era outro tipo de gloria. Non vou negar que fun un pouco frikie e planteime das primeiras diante do autobús madridista ás portas do Araguaney, cometido para o cal tiven que andar esperta dada a cantidade de xentiña que se congregou na rúa. Aínda recordo as melenas de Fernando Redondo. Aquela campaña non foi normal. Todo o que movía ao seu arredor o Compostela era cousa de días: a chegada do rival a Santiago no día anterior, a mañá do prepartido, a tarde de partido, a noite tralo partido, a mañá do pospartido... Creamos todo un submundo de fútbol que levo gravado como se fora onte e non tiveran pasado 26 anos.

Iso sí, por se a mente me fallaba, eu, que por aquel entón xa sentía a vea xornalística, adiqueime a recompilar todo tipo de informacións do Compostela, creando os meus propios dossieres e arquivos co material que ía recollendo da prensa, cos cromos e fichas que coleccionaba e cos autógrafos que lles pedía aos xogadores e mesmo a Chuco Barreiro, a Nito... Non pensaba que anos despois acabaría entrevistando a algúns deles ou tendo esas curiosas charlas que sempre che depara Caneda. Son moitos os artigos, crónicas, reportaxes e entrevistas que gardo, elaborados por persoas das que acabei sendo compañeira de traballo, quen mo ía dicir! Eu xa devecía entón, sendo adolescente, por ser quen de contar esas vivencias e apuntábame á miña maneira ás páxinas de EL CORREO GALLEGO bombardeando con cartas ao director, que sempre saían publicadas quizais xa por aburrimento. Aínda non sei eu, pero algo sospeito, se este Compos da miña vida, da miña cidade, tería algo que ver coa miña paixón pola comunicación. Paixóns, as tres (o club, Santiago e o xornalismo), que aínda hoxe conservo e aínda hoxe me dan a vida.

16 may 2020 / 21:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito