Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Compostela, epicentro do mellor baloncesto feminino o mércores

Nesa data van comezar os tres días do Torneo Cidade de Santiago-Trofeo Xacobeo 21-22

Entre o mércores e o venres da vindeira semana, Santiago convertirase en epicentro do baloncesto feminino de elite a nivel nacional coa celebración da primeira edición do Torneo de Baloncesto Feminino Cidade de Santiago-Trofeo Xacobeo 21-22. Os días 14, 15 e 16 os equipos da Liga Endesa Durán Maquinaria Ensino de Lugo, Tenerife Baloncesto e Spar Gran Canaria serán os protagonistas dunha cita que contará ademáis con varias actividades paralelas como a celebración dun torneo de base para as categorías infantil, cadete e júnior (tamén feminino), e unha mesa redonda onde se debatirá sobre o presente e o futuro do básquet feminino en España.

A sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta acolleu onte a presentación deste Torneo de Baloncesto Feminino Cidade de Santiago-Trofeo Xacobeo 21-22 nun acto que contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; da Concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; a secretaria xeral da Federación Galega de Baloncesto Susana Fernández Fuiza; o presidente do CB Rosalía Ubaldo Rueda, o presidente da Fundación Fedesa Ángel Cabana, o director do IES Rosalía Xabier Mouriño e do presidente do Consello de Administración de Ulla Oil Jesús García Rendo.

Ubaldo Rueda foi o primeiro en sinalar que se trata dun “proxecto ambicioso de baloncesto feminino” que nace baixo o paraugas doutro proxecto, “o de Institutos de Compostela-Xunta de Galicia, que hai dúas tempadas impulsou o concelleiro de Educación e Cultura Román Rodríguez e o seu equipo con Valentín García como un dos seus principais valedores”.

O presidente do CB Rosalía insistiu en agradecer “o apoio decidido do Concello de Santiago, de Esther Pedrosa e de Gumersindo Guinarte”, e doutros organismos como o Xacobeo, Deporte Galego, a Secretaría Xeral para o Deporte, a propia Federación Galega de Baloncesto e entidades como a Deputación da Coruña, a Consellería de Igualdade e a de Educación, xunto a empresas como Ulla Oil, Abanca ou Comercio Punto Compostela.

Ubaldo Rueda suliñou a competición de base que se celebrará en Santiago de forma paralela na que participarán clubes tan recoñecidos como Celta de Vigo, Arxil de Pontevedra, CB Barbanza, Ensino ademáis do anfitrión Institutos de Compostela.

Non esqueceu o presidente do CB Rosalía enfatizar unha das súas grandes teimas: “A unión entre deporte, deporte feminino, e cultura co papel dinamizador dos centros de ensino público como paso clave tamén para a construcción dunha cidade e dun país”. A secretaria xeral da Federación Galega de Baloncesto Susana Fernández Fuiza agradeceu “todas estas iniciativas que se toman desde o CB Rosalía e o Instituto Rosalía”, o papel das institucións públicas e privadas “porque sin ellas no se podrían llevar a cabo estos eventos” y felicitou aos organizadores do Torneo de Baloncesto Feminino Cidade de Santiago-Trofeo Xacobeo 21-22 por “aunar una vez más cultura y deporte” ao tempo que aplaudiu o feito de que a cita dea protagonismo á muller.

O director do IES Rosalía Xabier Mouriño confesou estar “moi orgulloso de formar parte desta comunidade de deporte de Institutos de Compostela” e se comprometeu a seguir “apoiando sempre”. “Está no abecedario”, engadiu ao referirse as letras c-d-e-f de “cultura, deporte, educación e feminino”.

ENTRADA GRATUÍTA Pola súa banda, Valentín García deu a benvida “ao Pazo de San Roque, ao Pazo da Lingua como nos gusta chamalo a nós, a unha iniciativa que ten sentados á mesa a persoas vinculadas ao mundo do deporte, do deporte feminino, porque nada nos pode ser alleo ao ámbito da cultura e da educación”.

“Deporte, igualdade de xénero, muller, son temas que neste momento temos que impulsar moito. Quero agradecervos a todos a vosa presenza porque é unha forma de complementar de forma importante a nosa acción social, cultural, porque a sociedade debe ser entendida como un todo, de forma global. Os xestores públicos debemos ser os encargados de engrasar e de engarzar os piñóns de cada peza para que todo funcione”, meditou.

García, non esqueceu de animar ao público para que se achegue os próximos mércores, xoves e venres, ás 20.30 h., ata o pavillón Municipal de Santa Isabel para desfrutar e con entradas gratuíta.

10 sep 2022 / 00:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito