Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lete salienta o bo papel de Galicia no fútbol sala feminino

Estivo na apertura do Congreso Internacional O Camiño do Futsal que celébrase en Santiago

O Congreso Internacional O Camiño do Futsal celébrase en Santiago desde este venres en dobre xornada cun programa que remata hoxe e coa presenza de profesionais deportivos de primeiro nivel.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou onte no acto de presentación deste evento na capital galega.

Alí, o mandatario galego falou da importancia de Galicia no fútbol sala destacando a dous equipos femininos que fixeron historia.

O primeiro deles, hai aproximadamente corenta anos, o Sal Lence, impresionou a todo o mundo deportivo ao gañar en catro anos tres Ligas e dúas Copas de España e abrindo camiño para que outros equipos, coma o Burela fixeran tamén historia máis tarde. Precisamente o equipo da Mariña lucense foi catalogado nas dúas últimas entregas dos Futsal Planet Awards como o mellor equipo de fútbol sala feminino do mundo.

O secretario xeral destacou ademais a capacidade do fútbol para repoñerse despois da pandemia da Covid-19, superando rexistros de antes da pandemia e case alcanzando as cen mil licencias federativas na nosa comunidade (o 17% delas en fútbol sala).

Do mesmo xeito, agradeceu ás federacións e á Xunta de Galicia o feito de poder celebrar un evento desta magnitude en Santiago e augurando unha exitosa celebración do mesmo, como ocorreu o pasado 12 e 13 de novembro de 2021 co congreso internacional O Camiño do Fútbol que reuniu a persoeiros como Manuel Pellegrini, José Luis Mendilibar, Aitor Karanka, Paco Jémez, Montse Tomé, Diego Martínez ou Paco Jémez.

O congreso Camiño do Futsal ten lugar no auditorio do edificio Fontán, na Cidade da Cultura , e reúne adestradores, seleccionadores, preparadores físicos, directores deportivos, ex xogadores, árbitros e psicólogos deportivos do máis alto nivel nacional e internacional.

O encontro organizado pola Real Federación Española de Fútbol e a Real Federación Galega de Fútbol ten nomes como o do seleccionador nacional Federico Vidal; o seleccionador nacional finés, Mico Martic; o ex xogador, Paulo Roberto; o director deportivo da RFEF e ex seleccionador, Venancio López; a árbitra, Leticia Romero; ou o adestrador do Burela, Julio Delgado, entre outras persoas.

02 jul 2022 / 00:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito