Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Negreira con Alba Cuns, a número un de España Sub-20 en triplo salto

Vai comezar agora a súa nova etapa deportiva e académica en Estados Unidos

Santiago. O Concello de Negreira foi a noite do pasado sábado o escenario dun emotivo recoñecemento público a Alba Cuns, campioa de España Sub-20 en triplo salto, que vén de participar no Mundial de Cali e iniciará agora unha nova etapa deportiva e académica en Estados Unidos.

“Esta é unha ocasión especial non só polo seu carácter excepcional, porque non todos os anos temos unha campioa de España en Negreira, senón pola unanimidade nas reaccións de ledicia entre os veciños e veciñas ante os teus éxitos deportivos más recentes”, asegurou o alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez.

“Podes estar segura de que nos días posteriores ao teu éxito en Valencia o nome de Alba Cuns foi protagonista polas rúas, os fogares e as cafeterías de Negreira. E por suposto que se falou moito dos teus éxitos deportivos, pero falouse máis do teu traballo, da túa humildade, da boa rapaza que eres e de como levas con orgullo o nome de Negreira por toda España e por todo o mundo”, engadiu o alcalde de Negreira.

“Eu, como alcalde de Negreira, falo hoxe en nome de todos os veciños e veciñas deste pobo para desexarte moita sorte e que persigas todos os teus soños na túa nova etapa en Estados Unidos; estou convencido de que chegarán porque traballo, esforzo e humildade non van faltar”, rematou.

Pola súa parte, Alba Cuns tivo palabras de agradecemento para o seu adestrador, José Manuel García Estévez, do Club Atletismo Negreira, polo seu apoio desde que comezou a practicar deporte.

Neste agosto, a atleta galega rematou a súa participación no Mundial celebrado en Cali (Colombia) no posto 17º nas series clasificatorias dos concurso de triplo cun mellor salto de 12.74 m. REDACCIÓN

15 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito