Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Compostela agarda retomar os adestramentos o 8 ou 15 de xuño

Xuntanza entre a directiva, corpo técnico, dirección deportiva e servizos médicos do club para traballar no regreso á actividade // A vindeira semana, reunión cos capitáns

A SD Compostela comezou a preparar a volta á competición, coa vista posta no regreso aos adestramentos e o posterior play-off exprés. A directiva, corpo técnico, dirección deportiva e servizos médicos do club mantiveron onte unha xuntanza virtual para abordar a desescalada a nivel deportivo, coa intención de retomar os adestramentos entre o 8 e o 15 do vindeiro mes de xuño.

Unha vez confirmado que o play-off exprés será a vía para tentar acadar o ansiado ascenso á Segunda División B, o Compostela púxose mans á obra para planificar o retorno á normalidade. A preparación do reinicio da competición foi o primeiro punto da reunión mantida entre directivos, corpo técnico, dirección deportiva e servizos médicos do club. Desde a entidade branquiazul manéxanse dúas datas aproximadas para volver aos adestramentos. O campión de liga agarda poder traballar de novo na semana do 8 ou do 15 de xuño. O equipo volvería aos adestramentos en grupos reducidos, seguindo as normas sanitarias.

Para ir acurtando prazos, o plantel xa leva días adestrando a distancia, seguindo as indicacións do preparador físico, Álex Otero. Porén, as condicións e posibilidades non son as mesmas para todos os compoñentes do equipo, pois para exercitarse na casa cobra vital importancia o espazo e facilidades coas que conte cada un deles. Trátase, máis ca nada, dun traballo para tentar manter a forma física.

Como paso previo á volta aos adestramentos presenciais, o Compostela aínda ten pendente manter contactos co Concello para coñecer a dispoñibilidade das instalacións. Antes do parón, o cadro dirixio por Yago Iglesias viña empregando dous campos para levar a cabo as súas sesións. O primeiro adestramento da semana tiña Conxo como escenario, mentres que os resto dos días a actividade trasladábase ao anexo do Vero Boquete.

PROTOCOLO. Outro dos puntos abordados na xuntanza virtual celebrada onte foi a necesidade de afrontar o reinicio dos adestramentos coas maiores garantías sanitarias. Por iso, desde o club barállase a opción de elaborar un protocolo de actuación propio para cando xogadores e corpo técnico volvan traballar sobre o céspede. “Unha vida humana non ten prezo. Temos que ser moi respetuosos cos protocolos que nos marquen”, expresaba o presidente , Antonio Quinteiro, nesa mesma liña durante o encontro virtual cos seareiros organizado polo club o venres.

Precisamente os protocolos que se marquen desde as instancias gobernamentais tanto para os adestramentos como para a posterior celebración do play-off exprés son aínda unha incógnita para o club. No Vero Boquete de San Lázaro aínda están pendentes de coñecer os requisitos para unha correcta volta ao traballo.

Un dos ámbitos que aínda descoñece a entidade para salvagardar a á saúde dos seus xogadores, corpo técnico e empregados é a realización dos test. Non trascenderon detalles polo de agora sobre como e cando se levarán a cabo.

Outra das posibilidades sobre as que tamén se traballa nos despachos do Compostela e tratada na reunión de onte foi a posibilidade de que se esixa un aillamento dos xogadores realizando concentracións. A este punto refiriuse a Comisión Delegada da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) na circular que poñía fin ás ligas regulares e aprobaba a celebración do play-off exprés para determinar os ascensos na Segunda B e Terceira División. En principio, agás un empeoramento da situación sanitaria, o que xa de por sí poñería en dúbida a fase de ascenso, o formato de concentración quedaría descartado.

Queda por coñecer tamén como se levará a cabo o proceso de desinfección das instalacións, se se poderán empregar os vestiarios ou se os futbolistas deberán chegar vestidos da casa, con guantes e máscara, como veñen facendo os xogadores da Primeira e Segunda División.

Despois deste primeiro achegamento, a xunta directiva ten planificado un novo encontro a vindeira semana, desta volta cos capitáns do primeiro equipo. Nela palparase o sentir do vestiario, co que xa se realizaron anteriores reunións, de cara á volta aos adestramentos e á competición.

16 may 2020 / 21:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.