Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
No tocante á afluencia de público, non existe cita que iguale a magnitude dos eventos deportivos // Como aconteceu tras as guerras mundiais, a inminente reanudación das competicións é un claro indicador do regreso á normalidade

O maior espectáculo do mundo

Así se anunciaba o circo hai un século. Daquela, os eventos deportivos aínda daban os primeiros pasos. Talvez entón houbese disputa por ese primeiro posto. Hoxe, dende logo, non a hai. No tocante á afluencia de público, os espectáculos deportivos gañan por goleada a calquera outro. Nunca mellor dito.

Nin o circo, nin o teatro, nin o cine. Nin sequera a música en vivo. Non hai arte escénica que iguale a expectación que o deporte é capaz de xerar. Ao longo e ancho do planeta, recintos de todo tipo acollen a cotío millóns de espectadores. Incluso a vía pública adoita ser ocupada polos deportistas, como sucede cando o deporte se estende ás rúas. Predomina entón o rol de practicante sobre o de espectador. Bo exemplo son as carreiras populares, como a nosa Pedestre; pero tamén as rondas ciclistas, as regatas ou os rallies.

O mundo enteiro convertido en instalación deportiva.

E é que o deporte está cada vez máis presente nas nosas vidas. Proba disto é o amplo sector da poboación que acusou nestes últimos meses a vixilia forzada pola covid-19. Miles de deportistas -hoxe no dique seco- arelan voltar canto antes ao adestramento e á competición. Entre tantas outras privacións, de feito, esta foi posiblemente unha das máis presentes. Xa o dicía Arrigo Sacchi.

“O fútbol é a máis importante das cousas menos importantes”.

Así é, tanto para practicantes como para espectadores. Para algúns principal, como reflicte a famosa sentencia de Bill Shankly. Aquela que afirmaba que “o fútbol non é unha cuestión de vida ou morte. É moito máis ca iso”.

Sexa como for, agora que imos pasando fases como quen vai obtendo beneficios penitenciarios, o espectáculo esta a punto de reanudarse. Postos a parafrasear mitos non podiamos esquecer a Freddie Mercury. Show must go on. O deporte tamén renaceu despois das guerras mundiais. Porque non é un luxo superfluo, senón un factor de saúde e benestar. De calidade de vida na súa faceta de praxe, como foi descrito por José María Cagigal. Pero tamén é parte esencial da nosa idiosincrasia como sociedade. Dos nosos hábitos sociais e culturais, en tanto espectáculo.

En definitiva, da nosa vida.

Haberá que celebrar os eventos sen público, pero iso non parece impedimento. Non hai límites para as aglomeracións virtuais, nin distancia de seguridade a través dunha pantalla. Hai tempo que a dimensión dun evento deportivo non se mide polo número de espectadores en vivo. Que llelo pregunten aos seguidores do fútbol americano. A Superbowl reúne unhas 100.000 persoas no estadio. Tanto como permita o aforo. Porén, na última edición superáronse os cen millóns de teleespectadores en USA. Unha de cada tres persoas do país seguiuno en directo pola televisión, cun 78 % de share. Case nada.

Algo parecido ocorre co Mundial de F1 ou coas grandes rondas ciclistas que, por certo, xa publicaron o novo calendario. E coa America’s Cup de vela. Eventos que acadan a súa máxima expresión a través do televisor. Non semella que a ausencia de afeccionados in situ vaia supor óbice para a súa celebración. E na mesma dirección apuntan os deportes de equipo, que se van espreguizando a medida que a corentena vai a menos.

Aínda que algunhas competicións -como a Euroliga de baloncesto- xa confirmaron a súa cancelación definitiva para esta tempada, a tendencia xeral apunta a unha reanudación nas próximas semanas. Así ocorre coas ligas de fútbol europeas. A española, por exemplo, xa fixou o 11 de xuño para o derby sevillano. Ou a propia Champions, que reservou o mes de agosto para unha fase final previsiblemente épica.

Quen sabe se estas modificacións forzadas non sentarán as bases de futuros modelos, máis concentrados no tempo e no espazo. De feito, nesa liña vai a famosa “Davis de Piqué”, instaurada xa en época pre coronavirus.

Os meirandes espectáculos do mundo (en termos absolutos, non só no eido deportivo) celébranse cada catro anos. Son por esta orde Xogos Olímpicos, Copa do Mundo de fútbol e Mundial de críquet. O azar fixo cadrar esta hecatombe co fin do ciclo olímpico. Nada que non teña arranxo. Tokio 2020 celebrarase en 2021. A vida segue e, como diciamos, o espectáculo debe continuar.

Lembremos a anterior crise, a chamada de 2008. Daquela, un cataclismo económico -macro e micro- arrasou o noso país. Nembargantes, seguramente a imaxe máis vívida desa época sexa o gol de Iniesta. Ese que nos fixo gañar o Mundial de fútbol de 2010. Talvez aquel fose o punto de inflexión que deu inicio a unha remontada económica e social. Porque a economía, igual que o fútbol, é un estado de ánimo. Palabra de Valdano.

Por iso é boa noticia que volva o deporte. Porque a reanudación das competicións deportivas sempre foi algo así coma o arco da vella. Un presaxio que anuncia o fin da tormenta.

E os augurios, nos últimos tempos, son claros. Haberá que ir reservando sitio nas terrazas. A nova normalidade está petando á porta, e trae o deporte pola man.

Que suba o telón. O maior espectáculo do mundo está de volta.

31 may 2020 / 21:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.