Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
YAGO IGLESIAS Adestrador da SD Compostela

“O que queremos demostrar é que podemos competir contra calquera”

{Santiago 1982} Logo de catro anos perseguindo un soño Yago está a pouco máis dunha semana de dirixir o primeiro partido no retorno do Compostela á Segunda B // Nunha categoría nova, con xogadores de renome e equipos máis propios do fútbol profesional, o técnico aposta por superar colectivamente as individualidades

Achégase o comezo dunha tempada na que, tendo aínda presente o desenlance da anterior, cada punto e a posición na clasificación xornada a xornada vai ser fundamental.

Este ano a Federación sacou unhas bases de competición nas que deixa ben claro que no momento no que se acabe a tempada a clasificación é a que marca o devir futuro dos equipos. É fundamental.

Estamos ante un formato de competición no que un equipo que arrinque ben terá moito gañado.

O que pasa é que vendo os equipos que hai na categoría a ver quen é o que empeza ben. Dos dez equipos deste subgrupo o Zamora e nós somos recentemente ascendidos, somos invitados nesta categoría, dentro dos nomes en canto a planteis e o nivel económico dos clubs. Pero cremos que temos algo que ten que marcar as diferenzas e facernos competir igual có resto, que é estar tanto tempo xuntos, coñecer perfectamente o modelo de xogo... Neste tipo de competición empezar ben é fundamental. Nós imos tentar na medida do posible seguir coa dinámica de anos anteriores, somos un equipo que todas as tempadas empeza moi ben, nas últimas tempadas fomos quen de conseguir catro ou cinco vitorias seguidas. Se este ano empezaramos así teriamos moito andando.

Que lle está a parecer o equipo durante a pretempada?

Xa nos coñecemos ben, sabemos de que é capaz o equipo e o nivel que ten. Nestas semanas de pretempada estámonos atopando cun equipo cunhas gañas enormes de que chegue o día de competición, de dar que falar, de facer unha moi boa tempada. Somos conscientes de que o subgrupo é moi forte, de que hai auténticos transatlánticos e xogadores de moitísimo nivel, pero non nos sentimos inferiores a ninguén e queremos demostrar que podemos competir contra calquera. O nivel dos adestramentos está sendo moi bo e a proba contra o Coruxo deixounos un moi bo sabor de boca. A ver se contra o Pontevedra, un dos rivais que vai pelexar por estar entre eses tres primeiros postos, podemos seguir con esas boas sensacións a unha semana de empezar.

Este vai ser o seu debut na Segunda B. Afronta o comezo de liga dunha maneira diferente ás campañas anteriores?

Cando estaba en Terceira e anhelabamos chegar á Segunda B si o vía como un salto grandísimo na miña carreira como adestrador. Practicamente non tivemos nin tempo para pensalo en frío, acabamos o play-off e ao pouco empezamos a traballar de novo. Afróntoo con moitísimas gañas, creo que neste subgrupo vou ser o adestrador máis novo xunto con Jesús Ramos. É un paso importante para min persoalmente, e como o resto do equipo estou desexando que chegue a semana que vén para empezar a competir.

Nas semanas previas o seu presidente, Antonio Quinteiro, poñía o ascenso a Segunda como meta. Sitúa o listón á mesa altura?

Entendo que desde o club queiran dar esa mensaxe para atraer ao afeccionado. Evidentemente, nós imos pelexar por todo, pero creo que todos somos conscientes de que sendo uns recentemente chegados á categoría, a nosa filosofía de club, de continuidade, practicamente co mesmo orzamento que os anos anteriores en Terceira... temos que ir partido a partido, máis que nunca. Temos moita ilusión por dar que falar na categoría e, por que non, ser un equipo que chame a atención. Se iso se ve reflectido na clasificación, mellor que mellor, pero todos somos conscientes de que o obxectivo a curto prazo ten que ser competir desde o primeiro día e a medio prazo intentar estar nunha posición cómoda na táboa clasificatoria.

Non é ningún segredo que se van atopar con equipos individualmente superiores a vostedes. As súas opcións van pasar por trata de superar colectivamente as virtudes individuais do rival.

Esa é a nosa idea, o noso obxectivo, desde o que levamos traballando estes últimos anos. A idea do club sempre foi confeccionar un plantel moi bo en Terceira para conseguir o ascenso e, ao mesmo tempo, que ese plantel puidera competir en Segunda B. Estamos na liña que se marcou fai anos. Se nos comparamos a outros clubs eles nun xogador gastan máis cartos ca nós en todo o plantel. Eu penso que o colectivo está por encima das individualidades, iso foi o que nos trouxo ata aquí e é o que nos ten que facer competir nesta nova categoría. Parece que me repito, pero a idea é ser un equipo competitivo e dar que falar, e a nosa maneira de dar que falar é facer o que levamos facendo en Terceira, adaptar a nosa idea de xogo á categoría e aos equipos que nos imos atopar, pero sendo conscientes de que chegamos aquí cunha filosofía e unha idea moi clara tanto no campo como no vestiario e iso é o que nos vai axudar a conseguir o noso obxectivo.

En que diría que melloran o equipo as fichaxes?

Un ano máis, na versatilidade. Temos moitísimas variantes con estas novas fichaxes. Juampa é un xogador de banda, zurdo, que este ano non tiñamos. Os primeiros anos tiñamos a Rubén como extremo zurdo que nos daba esa opción de centros desde a banda esquerda. Este último ano tiñamos que xogar aí con Brais e Hugo a perna cambiada. Con Juampa creo que volvemos conseguir esa amplitude do campo. Matías e Guille son dous centrais zurdos; Matías tamén se desenvolve na posición de lateral esquerdo. Vannos dar saída de balón polo carril esquerdo, que non tiñamos, vannos dar altura, presenza física, que é fundamental nesta categoría. Tiñamos a Joel, que se mancou, pero íanos dar unha opción como central e mediocentro, unha cousa parecida a Casas e a Samu. E Borja aporta xuventude, gañas e ilusión, cunhas condicións moi boas, un xogador con proxección, de futuro dentro do club e ao mesmo tempo que compita con Pato para estar os dous o maior tempo posible ao máximo nivel.

En termos de mercado, puideron chegar a todo o que querían ou botaron algo en falla?

Non puidemos chegar. A min gustaríame ter un segundo punta, un segundo dianteiro que acompañara a Primo, ou ter unha opción se Primo nalgún momento non puidera estar por sanción ou o que sexa. Pero é certo que xa o temos con Brais ou con Gabri. Desde o momento en que o equipo ascende e se renova o 90 % do plantel, porque era a idea que tiña o club, desde a dirección deportiva tiñan claro cales eran eses catro postos nos que nos tiñamos que reforzar, e dentro deses reforzos, evidentemente, chegamos a onde podiamos chegar, non máis alá. O orzamento é o que é, pero tamén o equipo é o que é, e entendemos que o que temos é o que mellor se axeita ao que queremos.

Van comezar a liga no Reina Sofía, a porta pechada, algo que xa viviron no play-off, e o resto da competición desenvolverase con aforo reducido. En que medida repercute esta situación nos xogadores?

Os futbolistas botan en falta ese alento, sobre todo cando xoguemos na casa. Por exemplo, nese amistoso contra o Coruxo, son partidos descafeinados. Na segunda xornada, aínda por enriba pola entidade do rival e sendo o primeiro partido na casa sería moi bo para todos se deixaran entrar ese aforo dos 2000 ou 2500 do que se está falando. O último partido en San Lázaro foi en Terceira, logo chegou a pandemia, e sería moi boa noticia que a volta do fútbol a Santiago sexa en Segunda B, contra o Deportivo da Coruña e con 2500 persoas en San Lázaro. Sería a mellor noticia para todos.

AMIGABLE CONTRA O PONTEVEDRA

Vero Boquete O Compostela disputará hoxe o último encontro amigable desta pretempada, enfrontándose ao Pontevedra no Vero Boquete de San Lázaro. O partido, que dará comezo ás 12.00 horas, desenvolverase a porta pechada por mor da pandemia do coronavirus.

Reina Sofía En pouco máis dunha semana, o domingo 18, o cadro dirixido por Yago Iglesias botará a andar no campionato de liga visitando ao Unionistas de Salamanca. O encontro terá lugar no Reina Sofía, que non poderá albergar público por atoparse en obras.

Horarios Onte foi anunciado o horario para o debut do conxunto compostelanista nesta nova etapa na Segunda División B. O encontro contra o Unionistas de Salamanca dará inicio ás 16.30 horas.

10 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.