Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Yago Iglesias: “Pode ser o último partido pero tamén o primeiro de moitos máis”

O adestrador do Compostela agarda brindar unha victoria á afección na despedida do ano no Vero Boquete

Yago Iglesias e o seu equipo afrontarán o encontro do domingo contra o Marino de Luano coa motivación de brindar unha vitoria á afección, na despedida do curso no Vero Boquete (17.00 h). O técnico recoñece que podería ser o seu derradeiro partido en San Lázaro, pero tamén o primeiro de moitos máis. Non estarán Juampa, Hugo nin Joel, mancados. Josiño é dúbida por molestias no cuádriceps.

Motivación. “A motivación é a de todo o ano. Non temos un aliciente numérico na clasificación que nos dea opción a optar a unha cousa ou outra, pero a motivación vai máis cara ao ámbito emocional, é o último partido da tempada en San Lázaro que ten que servir para despedirnos da nosa afección. Despois de todo o que levamos feito o final de tempada sempre tende a ter un baixón en canto a ritmo pero neste caso queremos brindarlle un moi bo partido á nosa xente, e despedirnos da mellor maneira”.

Repartir minutos. “Imos xestionar eses partidos, pero imos plantexar os partidos a gañar porque queremos acabar o máis arriba posible, e sobre todo que o equipo manteña o máximo nivel ata o último día. Se nos imos despedir, despedilo de boa maneira. Esta fin de semana optaremos por facer todos os cambios ao largo do partido por darlle ese cariño da xente a certos futbolistas”.

Renovación. “Cada vez está máis próximo o último partido meu como adestrador do Compostela. Lévoo dicindo moito tempo e sempre hai un partido máis. Hai que esperar. O club e eu funcionamos dunha maneira que está establecida desde o primeiro ano, sempre esperamos a final de tempada para falar e valorar a campaña. E tamén cales van ser as liñas que o club quere para o ano que vén e o que eu podo entender, tendo claro que queremos mellorar ano a ano. A partir de aí decidiremos se hai unha tempada máis ou non”.

¿Derradeiro partido? “Pode ser o último partido pero tamén o primeiro de moitos máis. Non lle dou demasiada importancia, sempre penso no curto prazo, este deporte ensina que hai que centrarse unicamente no próximo adestramento e no próximo partido”.

Marino. “Ten un sistema moi característico, un 5-3-2 que non vimos en ningún equipo en Segunda B. Aglomera moita xente na parcela defensiva. Ten tres xogadores no medio campo, como Matador, Lora e Morán con moito percorrido en Segunda B e Segunda. Na ida fixemos un moi bo partido, puidemos ter traído os tres puntos pero non tivemos a fortuna de facer gol. Espero un equipo que veña na mesma liña que nós, seguramente facendo rotacións e dando minutos á xente que non xogou. Vai ter baixas, ten mancados e sancionados, pero espero un equipo combativo que está facendo as cousas ben e vén de empatar a cero co Deportivo na súa casa”.

Penaltis. “Nas tres últimas xornadas tivemos un a favor e dous en contra. E contra o Numancia dous penaltis que cremos que son claros, un a Miki por derribo de Jara, que creo que cambiaría o devir do partido, e dous ou tres minutos despois hai un despexe coa man tras un centro de Miki. Condenáronnos nestas tres últimas xornadas. Son pequenas accións que dependen do azar, da boa sorte, da percepción que ten este deporte e que non nos acompañaron. Facendo a análise falabamos cos xogadores e as estatísticas din que a nivel de xogo estivemos moito mellor có día do Deportivo, cando tivemos un 55 % de posesión. En Riazor tiramos dúas veces e facemos dous goles. En Soria temos un 68 % de posesión, tiramos sete veces e só tres entre os dous paus. Isto vai de acerto e de ser máis contundente có equipo rival. Hai que seguir traballando, aprender dos erros e das cousas que se poden mellorar para o ano que vén”.

Vacacións en maio. “Faise raro, pero entendemos que a próxima tempada empezará antes, aínda que non o sabemos. Esta foi unha tempada de probas, de ir tomando decisións a medida que ían xurdindo distintos escenarios. Imos ir de vacacións a comezos de maio, e os que están en fase de permanencia ou play-off a Segunda van quedar xogando un pouco máis, ao igual que os de Terceira. Hai que intentar axustar tempos e traballos a facer nese período transitorio”.

Permanencia. “Ninguén confiaba en agosto que iamos estar tranquilos a estas alturas, e ao final o que dicta é o verde, o balón, e estou máis que orgulloso do que fixemos e de como o fixemos. Toda a sorte para os dous galegos (Pontevedra e Coruxo), entendo que esta é a súa categoría, como mínimo, e polo ben do fútbol galego”.

30 abr 2021 / 19:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.