Unha enorme ringleira de mulleres enchen as rúas de Santiago
Separadas en tres ringleiras que parecían non ter fin e coa separación necesaria entre elas para cumprir as normas sanitariasa, un bo número de mulleres percorreron as rúas de Compostela para denunciar desigualdades e precariedades e esixir melloras. O desfile reivindicativo de cor morada foi desde a praza 8 de Marzo pasando pola Virxe da Cerca e finalizando na praza do Obradoiro, espallando cánticos e consignas feministas. A convocatoria partiu do colectivo Galegas 8M e chegou a localidades de toda Galicia. Baixo o lema ‘sen coidados non hai vida’, pretende concienciar sobre a importancia dos “traballos invisibles que permiten a reprodución e o mantemento da vida”, que normalmente recaen sobre as mulleres e cuxa precarización acentuou a pandemia de covid-19.